A Estrada perde a Olimpio Arca Caldas, un dos seus fillos predilectos

Francisco Brea
fran brea A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

Antigos alumnos e compañeiros recordan como conseguía motivar e traballar cos rapaces.
Antigos alumnos e compañeiros recordan como conseguía motivar e traballar cos rapaces. marcos míguez< / span>

O mestre xubilado e escritor faleceu onte na súa casa aos 86 anos

26 nov 2014 . Actualizado a las 05:41 h.

Os veciños da Estrada erguéronse onte coa triste nova do falecemento do mestre xubilado e escritor Olimpio Arca Caldas, quen finou na súa casa aos 86 anos de idade. Aínda que naceu en Cuntis, Arca Caldas era un estradense máis e coma tal no ano 2011 foi nomeado Fillo Predilecto da Estrada e unha rúa da localidade leva o seu nome.

Don Olimpio Arca Caldas, non se encontra a ninguén que non use o don antes do seu nome, durante a súa vida investigou, escribíu, traballou, dirixiu o museo Manuel Reimóndez Portela e ensinou, sobre todo ensinou, a moitos rapaces e rapazas. Como escritor e investigador moitas follas recibiron a súa pluma, máis de 25 obras súas viron a luz, dende contos, obras de teatro e ensaios ata documentos que permiten coñecer a historia da Estrada. Mestres estradenses que fixeron escola, O Entroido do Ulla ou Callejero histórico de la villa de A Estrada son so unha pequena mostra. Todo o seu traballo tamén tivo recoñecementos públicos, varias veces gañou o premio a traballos etonográficos realizados con alumnos convocado polo Museo de Pontevedra ou o premio de teatro escolar convocado pola Delegación de Xuventude entre outros moitos e no ano 2001 recibiu unha homenaxe organizada pola asociación cultural O Brado. Pero sen dúbida o maior premio que puido obter é a admiración, o cariño e o respeto de todos os seus veciños.

A parroquia de Couso recordará dun xeito especial a un mestre que chegaba á súa escola en 1968. Xoán Manuel Reices, quen foi o seu alumno, non ten dúbidas de que foi persoa fundamental na dinamización de Couso e de que a día de hoxe sexa unha das parroquias que máis actividade cultural promove. Tamén no colexio de Figueiroa, onde estivo 12 anos e do cal foi director, deixa un grato recordo. Tino Regueira, compañeiro seu neses anos, recorda o gran traballo que realizou e a capacidade que tiña para motivar aos alumnos, facendo que se implicaran en diferentes proxectos. No eido institucional tamén deixa un gran baleiro, José López declaraba onte que «a súa perda deixa un oco difícil de encher».

Hoxe haberá misa na súa honra as 16.30 horas na igrexa de San Paio, e posteriormente será incinerado e recibirá sepultura na intimidade familiar.