A Estrada despide ao seu fillo ilustre

Francisco Brea
fran brea A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

miguel souto

Un gaiteiro interpretou a «Alborada de Veiga» ao finalizar o funeral na memoria de Olimpio Arca Caldas, como quixo o mestre no seu adeus

27 nov 2014 . Actualizado a las 05:30 h.

O pobo da Estrada e doutros puntos da comarca deron na tarde de onte o seu último adeus ao mestre e escritor Olimpio Arca Caldas nunha igrexa parroquial de San Paio que se quedou pequena para recibir a todos os que querían despedirse del e mostrarlle o seu respecto. Xa foron milleiros os veciños que pasaron nas horas previas pola capela ardente.

Nos momentos previos á chegada dun dos Fillos Predilectos da Estrada moitos veciños foron chegando á Praza da Igrexa para recibilo e acompañar á familia mentres os bancos da igrexa xa estaban repletos de xente. Entre os asistentes puido verse unha gran representación da corporación municipal actual encabezada por José López. Tamén asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e varios políticos que participaron en anteriores gobernos locais, como o ex-alcalde Ramón Campos ou Raquel López, todos xuntos sen importar a cor do seu partido para homenaxear a un home que adicou gran parte da súa vida á estudar a historia da Estrada.

Compañeiros e alumnos

Como non podía ser doutro xeito tamén estivo acompañado polos seus compañeiros de profesión, mestres e escritores coma Xosé Luna, David Otero ou o forcaricense Francisco Rozados. E por suposto non podían faltar moitos dos que en diferentes épocas foron os seus alumnos.

A parroquia de Couso foi moi importante para Olimpio Arca, e á súa vez o mestre foi fundamental para que Couso sexa a día de hoxe un dos lugares onde máis se promove a cultura. Grazas a un dos habitantes desta parroquia e a súa gaita soou cando rematou a misa a peza «Alborada de Veiga», unha petición que fixo o propio Olimpio Arca Caldas.