Zobra, Aldea Singular


Lalín

A asociación cultural e de veciños Zobra Camiña, acaba de ter coñecemento de que o concello de Lalín, lle otorgou o Premio Aldea Singular á Parroquia, no concurso anual da segunda edición. A decisión de concedernos este premio por parte do Xurado calificador, foi en base á Memoria presentada por esta asociación e na que participaron como autores e/ou asesores destacados amig@s de Zobra no eido das distintas disciplinas que desexabamos resaltar como Singulares.

Para a Parroquia de Zobra representa un fito histórico, que por primeira vez sexa recoñecida como merecente dun Premio por parte do Concello de Lalín, marcando para nós, un antes e un despois no percorrer dos tempos.

O noso agradecemento ó Governo do Concello de Lalín pola brillante idea desta sana competición, na que as distintas parroquias/aldeas, teñen a oportunidade de resaltar os seus valores e patrimonio. Tamén queremos agradecer ó resto de parroquias/aldeas que concursaron, a súa participación, a ben seguro merecentes tamén do Premio de Aldeas Singulares. Os nosos ánimos para seguir resaltando os seus valores, comúns a tod@s os que habitamos neste concello, no que Zobra, sempre quedaba lonxe, e hoxe sentímonos tan perto, aínda sendo Lalín dos concellos máis extensos de España.

Queremos facer constar o recoñecemento ós nosos antepasados e @s presentes e espallados polo mundo que ó longo dos tempos nos transmitiron un Patrimonio que nos fai ser quen somos, sen eles non teriamos a referencia dun lugar común como comunidade humana que formamos. @s amig@s de Zobra que polo seu interés nas nosas singularidades, se adicaron a investigar e divulgar os nosos mellores valores, dando coñecemento de que existiamos. Para nós serán sempre veciñ@s de honra.

As grazas pola colaboración e consellos para a elaboración da memoria que nos fixo merecentes do Premio Aldea Singular: Antonio Presas, de Lalín, coñece Zobra dende fai moitos anos, interesouse por minas, natureza, descubrimentos antigos, xeoloxía... Daniel González, de Lalín, interesouse toda a súa vida en buscar singularidades das Terras do Deza e garda literalmente imaxes, e recordos da singularidade de Zobra dende mediados dos sesenta. Martiño Nercellas, de Lalín, biólogo, apicultor. Dende moi novo interesouse pola Serra do Candán e ten varios traballos publicados sobor de alvarizas e outras temáticas. O seu traballo foi fundamental no deseño da Memoria. Paco Cuiña, de Lalín, o correcamiños da Serra do Candán, coñece a beleza dos nosos paisaxes e sabe do esforzo que fai a Parroquia de Zobra en manter unha ruta de sendeirismo homologada e infinidade de camiños razoablemente limpos. Celso Fernández Sanmartín, de Lalín, o Herdeiro da Tradición Oral de Zobra, ten gardados sacos de contos, refráns… e seméntaos con grande éxito por vilas e cidades. Mercedes Peón, a Universal Investigadora, divulgadora e cantante da música galega. A súa presencia en Zobra na década dos noventa deu un impulso de continuidade á tradición musical da Parroquia de Zobra. Marcos Reboredo, de O Carballiño, gran coñecedor do funcionamento como Entidade Parroquial Singular da CMVMC e a variabilidade de servicios que presta ós veciños. Damián Copena, da Universidade de Vigo. Das persoas de Galicia que mellor coñece os abusos, beneficios… da economía dos eólicos e impacto social nas comunidades rurais. Tamén coñece a Singularidade de Zobra no caso dos eólicos. Diana Toucedo Crespo, directora/realizadora de documentais e Alberte Román (Trespés Coop. Galega) que en poucas semanas se namoraron de Zobra e deixaron un legado en imaxes de incalculable valor para as xeracións futuras de Zobra. A Chema Prado e Manuel Lois, técnicos da CMVMC polo traballo de montaxe e recopilación de documentos. A tod@s os membros da Asociación Zobra Camiña de quen saiu a idea de presentar a Zobra candidata a Aldea Singular, e polo traballo ilusionante de preservar o Patrimonio de Zobra para @s que van a vir .

Votación
3 votos
Etiquetas