Formación en educación sexual e diversidade no eido do tempo libre

amelia ferreiroa

DEZA

. miguel souto

A Escola de Tempo Libre Aloumiña imparte cursos sobre temáticas prantexadas dende o alumnado

22 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro 25 de marzo celebrarase o segundo dos cursos programados dentro das Xornadas de Formación no Eido do Tempo Libre, que organiza a Escola de Tempo Libre Aloumiña, e que se centrará en técnicas de globoflexia e maquillaxe. Xornadas que terán continuidade con dúas iniciativas formativas máis: un curso de educación emocional que se impartirá o 1 e o 8 de abril, e outro de educación afectivo sexual e diversidade que pechará dita programación o 29 de abril. Xornadas que se iniciaron con manualidades a base de material de refugallo e que atenden, segundo Patricia Martínez de Aloumiña, «a atender as peticións do alumnado da escola xa que ao rematar os cursos se fan unhas enquisas sobre as necesidades que ten a xente que traballa no tempo libre para seguir formándose e o que pide maioritariamente o alumno é o que se prantexa logo en xornadas coma as que se están a dar».

Unha formación no eido do tempo libre que, dentro deste programa formativo, se estructura en iniciativas máis prácticas e outras máis teóricas. «É normal que sexa así xa que somos diferentes. Non nos gustan a todos as mesmas cousas e hai que ofertar contidos variados. Algúns valoran máis as cousas manuais e outros apostan por un trasfondo máis teórico». A educación emocional e a afectivo-sexual e diversidade abordaranse nestas xornadas ao ser temáticas moi demandadas «pero non hai moita bagaxe persoal ao respecto. Hai que pararse e reflexionar, algo que non facemos», sentencia Martínez que anima á participación nestas actividades abertas ao público en xeral e para as que hoxe se pecha o prazo de anotación para o curso de educación emocional.