A alcaldesa e o centro médico de Soutelo

A portavoz socialista de Forcarei dalle consellos á rexedora local


25/03/2017 20:53 h

Sra. Alcaldesa, di vostede varias cousas sobre o PSdeG-PSOE e sobre o Centro de Saúde de Soutelo de Montes impropias de alguén que ostenta o seu cargo e que non sabemos que pretende buscar nun tema de vital importancia para Soutelo de Montes e as parroquias veciñas.

Acusa vostede ao PSdeG-PSOE de “alarmismo” e de “demagoxia” pensando que así nos vai calar. Está moi equivocada. Vostede sabe coma nós que o SERGAS puxo encima da mesa o traslado dun médico a Forcarei e o posible peche do centro alegando o número de cartillas. O propio SERGAS manifestou publicamente que desta proposta informou ao persoal médico e aos responsables locais do concello. O PSdeG-PSOE contrastou ademáis que os feitos son así e asegurouse dos plans do SERGAS de “reordenación de recursos e persoal” como vostede lle chama e non nos gustan nada, por iso actúamos e o seguiremos facendo mentres sexa necesario.

Tamén di que queremos sacar réditos políticos deste asunto. Sra Alcaldesa, hai que ter moi pouca intelixencia para pensar que desto se vai sacar algo, ou se van mover votos. Os recortes non traen votos o que traen é desigualdade, pobreza e servizos precarios. Vostede sabe que se o centro de Soutelo de Montes perde un dos seus médicos perdemos calidade asistencial e ademáis a actividade comercial pode resentirse e vostede sabe que se o SERGAS non quixo asumir a transferencia do centro de saúde de Soutelo de Montes é porque non ten asegurada a súa viabilidade. Reducir este tema aos votos é ridículo.

Augura que dentro dun ano ou dous teremos que pedir disculpas públicas se o centro sigue funcionando. Unha vez máis pedímoslle que non trate aos veciños de tontos. Se o centro sigue funcionando é porque mentres vostede empezou a semana decindo que non sabía nada e agora a remata asegurando que van “reordenar o personal”, os veciños de Soutelo de Montes movilizáronse desde o primeiro momento na defensa dun servizo público. En todo caso o que debemos facer e dar as grazas a todos eles.

Sra Alcaldesa presume de que desde que vostede é Alcaldesa non se pechou ningún servizo en Forcarei. Ten razón, non pecharon, pero reflexione un pouco e faga balance destes 6 anos: un servizo de taxi menos en Soutelo, menos servizo de transporte público a Pontevedra, o colexio de primaria de Forcarei sen conserxe, o servizo de extensión agraria reducido a mínimos por non falar da xestión dos equipamentos municipais como os pabellóns deportivos, a piscina municipal de Soutelo de Montes e o parque infantil, a Casa da Xuventude de Forcarei… en fin.

O centro non vai pechar hoxe nin mañá, é certo. Non sabemos que pasará a medio prazo. Preocúpese mentres tanto por atraer poboación, por ter bos servizos públicos e por evitar que os nosos pobos perdan vida. Para iso a elixiron os veciños. Nós ahí estaremos para axudala.

Votación
5 votos