González Aller leva «Ultreia» á mostra colectiva Bo Camiño

Amelia Ferreiroa

DEZA

A mostrá estará na igrexa da Universidade de Santiago ata o 25 de  maio

28 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Igrexa da Universidade • Santiago • Artistas galegos e portugueses, entre eles o lalinense Nicolás González Aller, amosan dende onte na Igrexa da Universidade compostelá a súa visión do Camiño de Santiago. Baixo o título de «Bo Camiño», ata o 25 de maio, pódense ollar motivacións e percepcións do Camiño dende distintos enfoques artísticos. «O denominador común da mostra é o camiño e cada un de nós reflexa a súa idea e ao mesmo tempo acompáñaa de literatura xa que cada participante levou un escrito, unha historia ou un poema referente ao que cada un sentiu no camiño», explicou Nicolás González.

O artista lalinense, que fixo o Camiño Francés, presenta na exposición «Ultreia» un cadro de grandes dimensións «que reflexa a alegría dos peregrinos ao chegar a Santiago. Pintura que vai acompañada por un resume dunha historia, que escribin cando fixen o camiño e que inspirou outros cadros, que se chama «A lenda de Triacastela» que imaxinei por alí baixando do Cebreiro a Triacastela». Unha exposición comisariada por Cristina Carballedo, con obras tamén de Violeta Bernardo, Álvaro de la Vega, Paco Pestana, Lomarti e Antón Sobral entre outros.