O Ulla deixa só 17 capturas de salmón a unha semana de pechar a tempada

o. p. A ESTRADA / LA VOZ

DEZA

cedida

Ortega atribúeo á falta de auga no río, no que o domingo caeu un peixe en Ximonde

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«O Ulla tennos xa acostumados a esto: un ano vén moi bo, e ao seguinte vén moi malo. Hai altos e baixos». Con estas palabras fala Salvador Ortega do baixo número de salmóns que ten entregado o río a só unha semana de rematar a tempada: 17 exemplares unicamente conseguiron as canas dende maio ás beiras do seu curso. De novo Ximonde foi o couto máis produtivo, con dez salmóns precintados, polos seis de Santeles e un en Pontevea.

O último exemplar caeu o domingo día 23, no couto de Ximonde, no posto coñecido como Venezuela: foi para Jorge Manuel Martínez, de Carballo, que se fixo cun exemplar de cinco quilos a cebo natural. É un pescador habitual no cauce do Ulla nos últimos anos, comenta Salva Ortega, que dá puntual conta das capturas a través da súa web Ás orillas do Ulla. Suliñaba onte que durante a fin de semana escapouse algún salmón máis nos coutos de Santeles e Pontevea, e avistáronse algúns exemplares.

¿Posibilidades de que incrementen o número de salmóns pescados ao longo desta derradeira semana de xullo? «Eu penso que se temos tempo moi seco estará mal para podelos pescar, pero se chove un pouco é posible que se animen os peixes», comentaba onte Ortega. Iso si, a situación complícase no couto de Sinde, onde ademais de no verse salmóns, Ás orillas do Ulla recolle que os distintos postos están na práctica impescables, con herbas que cubren a totalidade da parte superior do cauce, e co situado baixo a ponte obstaculizado por unha árbore: «Só quedan dúas posturas para repartirse entre os deportistas que optan por pescar neste couto, o Pociño e a Praia», indica a web que impulsa Salva Ortega.

En todo caso, suliña que a situación de moi baixas capturas vivida este ano no Ulla non é exclusiva do río galego.

Baixas cifras en Asturias

«En Asturias andan polas 500 capturas, cando o normal é que se pesquen entre 1.200 e 1.300 salmóns por tempada». As cifras do Ulla deste 2017 tampouco teñen nada que ver coas de anos precedentes: «Hai un ano, esgotouse o cupo establecido para o río de 60 salmóns. E foi xa un mes antes de rematar a tempada, a finais de xuño xa estaba esgotado», lembra o ribeireño.

Salva Ortega considera que a causa deste baixo número de exemplares precintados este ano no Ulla está «na falta de auga no río este ano. Eu penso que esta mala tempada se debe en xeral á falta de auga, supoño que os salmóns entrarán máis tarde». A tempada pecharase con toda probabilidade por debaixo dun tercio do cupo máximo de capturas fixadas para este ano, que se ampliara ante boas campañas precedentes, xa que no 2014 o cupo inicialmente fixado quedara en 40 salmóns.