A historia universal da relación de parella, contada desde o sofá

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

DEZA

cedida

Os actores Elena Rey e Xoel Fernández protagonizan unha peza de Mariano Rochman, que chega o venres ao Salón Teatro de Lalín

12 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Sofá y dos cuerpos», unha comedia dramática de Mariano Rochman, protagonizada por Elena Rey e Xoel Fernández fai parada este venres ás 21 horas en Lalín, despois dunha tempada ateigando as butacas do Teatro Lara de Madrid ao que voltarán o próximo domingo.

A peza teatral, para a que xa se poden mercar as entradas nos cafés Currás e Abastos de Lalín, ten en realidade tres protagonistas; aclara Xoel: «Elena Rey que fai de Bea na obra, Diego que son eu e un sofá que é un obxecto moi versátil sobre o que van versando un montón de situacións e xoga un papel moi importante na obra». Un sofá colocado no medio do escenario, «el testigo silencioso de esta historia de pareja, de sus movimientos, que recrea la historia universal de las relaciones de pareja desde que se conocen hasta que toma la decisión de caminar más o no», comenta Elena Rey. Unha obra de teatro que bebe da química que hai entre dúas persoas, da historia íntima dunha parella e que suscita, recoñecen os actores, moitos comentarios e reflexións por parte do público asistente ás funcións «ao ver reflectidas situacións que eles mesmos viviron. É unha obra para os que están en parella e para os que non o están», sentencia cun sorriso o lalinense Xoel Fernández.

A posta en escena de «Sofá y dos cuerpos», que xirou por León e San Sebastián, despois de estrearse en Madrid continuará nas vindeiras semanas e mentres Xoel Fernández segue compaxinando teatro e televisión. Despois de estar na pequena pantalla na serie «Saudade de ti», emitida pola canle autonómica, agarda o estreo próximo dunha película realizada no Perú, tomou parte tamén nunha serie de Amazon que estreará axiña unha nova tempada. Proxectos televisivos, no que o papel de malo o persigue, que se xuntan cos traballos teatrais. De feito estará na Coruña os días 3 e 4 de novembro coa obra de gran formato «Cielos» de Sergio Peris-Mencheta. Pola súa parte Elena Rey tamén participa noutra montaxe relevante: Francisca de Pedraza, a primeira muller que no século XVI despois de recibir maltrato gañou demanda de separación.