Fafián

rocío dourado

A ESTRADA

24 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O nome deste lugar de Santa Uxía de Ribeira repítese como denominación doutras entidades de poboación en Lugo, Oroso, Rodeiro, Sarria e A Estrada, e ecoa tamén no topónimo portugués Fafião. A súa orixe está num nome xermánico FAFILA, de carácter familiar ou hipocorístico (ese é o valor que os estudosos adoitan asignar ao sufixo -ila / -ilo) e moi difundido na Galiza altomedieval, como observamos na documentación do período.

Estes antropónimos podían coñecer dous tipos de declinación: FAFILA, -ANIS (consoante ao modelo propriamente xermánico) ou ben FAFILANUS, -I (resultante da adaptación do antropónimo ao modelo da declinación latina). No primeiro caso, o topónimo Fafián procedería do acusativo FAFILANE(M), mentres que no segundo teriamos que pensar no correspondente xenitivo FAFILANI e sería de formación probabelmente máis antiga. Sexa como for, o tipo Fafián non esgota a nómina de descendentes toponímicos do devandito nome persoal, aos que podemos engadir os casos de Fafiás, Fefiñáns, e o portugués Fafiães, procedentes dun xenitivo FAFILANIS.