«En canto a forzas e ilusión, estou en boas condicións para competir»

A ESTRADA

Capotillo

O laureado piloto, José Miguel Martínez Barreiro "Bamarti", que non competía dende o 2011, abre a porta a seguir se acada os apoios necesarios

15 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de ser campión galego de ralis nos anos 2006 e 2007, José Miguel Martinez Barreiro, máis coñecido como Bamarti (Cuntis, 1970), decidiu deixar a competición no 2011. Sen embargo, cando o veterano piloto afincado en A Estrada recibiu hai uns meses a proposta de participar no primeiro Rallymix Vila de Cuntis non tivo dúbidas de facelo, e agora celebra a súa decisión tras vivir unha gran experiencia sendo profeta na casa.

-Estreou o palmarés do novo Rallymix Cuntis Vila Termal despois de varios anos sen competir. ¿Como foi a experiencia?

-A experiencia foi moi positiva. Ao ser unha proba nova para min, non sabía realmente o ritmo dos demais. Sabía que ían rápido, pero non canto, e por iso tiña esa incerteza de saber o meu ritmo.

-Fala de dúbidas sobre o nivel do resto de pilotos pero, persoalmente, ¿confiaba en gañar?

-Eu sempre dixen que saía a gañar. Cando compito sempre me gusta saír a dalo todo. Nunca se fixera un rali en Cuntis, na miña terra, e tiña moitas ganas de gozar del. E tendo en conta que pinchamos no primeiro tramo ao pouco da saída e que tivemos que ir nove quilómetros pinchados, lograr acabalo e facelo segundo nese tramo, aparte de todo, hai que ter sorte. Mala sorte por pinchar, pero boa por conservar o pneumático ata o final. Para min foi o máis sorprendente do rali.

-¿Supúxolle unha alegría especial a vitoria por ser na casa?

-Poder participar ao lado da miña xente, para min, foi unha marabilla, unha experiencia formidable. Falando con pilotos que participaron, que non son da zona, dixéronme que foi o mellor ralimix que correran nunca e iso quere dicir que a organización estivo á altura. Así que creo que nese aspecto, nun rali no que o tramo era precioso, estaba ben organizado, todo o pobo se entregou e correndo na casa, os ingredientes estaban todos e só faltaba a sorte, que sempre fai falta.

-Competiu nun car cross, un tipo de coche novo para vostede. ¿Que sensacións lle transmitiu?

-Neste tipo de coches, como pesan pouco, vaise moi rápido. É verdade que o probaramos un pouco e eu sentinme cómodo e seguro. Levabamos a posta a punto do coche moi adaptada ao meu estilo de condución, e creo que quedou patente en que non cometemos ningún erro. Por iso, ao non ter experiencia con este tipo de vehículos, creo que fixemos un gran rali.

-Tralo seu triunfo colócase líder do campionato galego. ¿Contamos con vostede para o resto de probas, para loitar polo título?

-Nun principio na mente estaba só correr este rali. Levábamos uns anos parados, e agora, pois manteño o que dixen antes da carreira: nós tiñamos os apoios necesarios para correr este rali e, se conseguimos apoio, poderemos seguir. Se non, non poderemos afrontar outras carreiras e sería unha mágoa porque o paso ben, e síntome moi apoiado polo público. Pero imos depender da parte económica e, polo momento, a día de hoxe, non temos o apoio preciso.

-Se finalmente chegan eses apoios, ¿haberá Bamarti para rato de novo?

-Eu sigo a ter as mesmas ganas de correr que sempre, síntome cómodo pilotando ao límite, gozo. Así que, en canto a forzas e ilusión, estou en boas condicións para competir.