Microliteratura estradense para engraxar o galego

r. g. A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Fallados os premios de Dinamizaestrada activados hai catro anos cun concurso escolar de micropoemas e microrrelatos

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Para poñer en valor o galego como feito cultural e identitario e potencialo entre nenos e mozos, os equipos de dinamización lingüística dos dez centros de ensino da Estrada -agrupados no colectivo Dinamizaestrada- activaron hai catro anos un concurso escolar de micropoemas e microrrelatos. A cuarta edición -que foi fallada esta semana- acadou unha cifra récord de participación en todos os centros, categorías e modalidades. Os centos de traballos presentados obrigaron a facer unha preselección que deixou sobre a mesa 240 finalistas. A calidade das creacións fixo difícil a escolla dos 31 micropoemas e os 31 microrrelatos gañadores. Segundo o xurado, os elixidos acadan en moitos casos un alto nivel creativo e lingüístico, ademais de se adaptar correctamente ás regras do xogo.

O concurso é un proceso que busca tamén dar difusión ó autor ó que se lle dedica o Día das Letras Galegas e á súa obra. Por iso xa no primeiro trimestre do curso en cada centro o alumnado e os equipos de normalización lingüística participaron na escolla de dúas palabras contidas no título dalgunha das obras do autor homenaxeado, que este ano é Manuel María. As palabras escollidas pola comunidade educativa foron «verán» e «vento». A primeira tiña que aparecer necesariamente nos microrrelatos. Nos micropoemas era obrigado incluír a palabra «vento». Outros requisitos eran o emprego de 100 palabras como máximo para os microrrelatos. No caso dos micropoemas, tiñan que ter de 2 a 8 versos nas categorías inferiores e de 4 a 8 nas outras.

O xurado deu a coñecer onte o seu fallo. O listado cos 62 premiados pódese consultar no enderezo electrónico proxectodelingua.blogspot.com. Na categoría máis alta (Bacharelato e Ciclos formativos) impuxéronse no concurso poético Antía Sala Docampo e Nicolás Luna Puente, que tamén foi gañador no concurso de microrrelatos xunto a Elena Bernárdez Neira.

Os traballos gañadores serán publicados nun libro conxunto no que tamén se incluirán ilustracións realizadas por alumnos de Infantil. A finais de maio ou principios de xuño terá lugar a entrega de premios e a presentación do volume literario.