O galego, forte coma un buxo

A ESTRADA

miguel souto

Preto de 2.000 escolares tomaron as rúas da Estrada no Correlingua

17 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O buxo é unha planta que resiste contra vento e marea. Así queren os escolares do CEIP do Foxo que sexa o galego. Por iso onte levaron prendidas nas súas gorras do Correlingua ramiñas de buxo do patio do colexio.

Pero os rapaces do Foxo non son os únicos que piden saúde para o idioma. Pedírono onte nas rúas da Estrada preto de 2.000 escolares de doce centros de ensino da zona. Todos os colexios e IES públicos da Estrada, o instituto Chano Piñeiro de Forcarei e o Pintor Colmeiro de Silleda botáronse á rúa nunha nova edición do Correlingua, unha sorte de manifestación infantil defendendo o idioma propio e pedindo ás administracións que o protexan.

Era o día de sacar o galego á rúa e non houbo fallo. Dúas pingas ameazaron con abortar a operación cerca das once da mañá e outras dúas obrigaron a acelerar o paso a metade de ruta. Pero a choiva portouse e deixou rematar o festival sen problemas.

As mensaxes de apoio ó galego víronse en todos os formatos. En pancartas profesionais e en cartulinas e murais. Ata en verso: «O galego en Galicia/ as perlas no mar/ se ti non falas o teu/ ¿quen cho vai falar?».

Os rapaces portaron carteles no peito con nomes en galego de todos os campos semánticos imaxinables e as pancartas convidaron á fala en galego de todos os xeitos. «Precaución. Falar galego ten o risco de namorar», advertía o IES Antón Losada.

Despois do percorrido polas rúas, una manifesto lido a trío por tres alumnas de Forcarei lembrou que aínda non existen autoescolas en galego e que na docencia universitaria hai carreiras que non chegan a impartir en galego nin un 3% dos contidos. Os alumnos de Figueiroa tamén fixeron o seu alegato pola lingua e os de Vea bailaron un rap da lingua tan divertido como contundente. Xa na recta final, un pequeno espétalle a outro: «Teño unha fame neghra». Iso si que é bo síntoma para o galego.