O grupo micolóxico galego Luís Freire analiza o hábitat fluvial do Ulla

Alejandro Mínguez
alejandro mínguez A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Alejandro Mínguez

Abordarán o día 14 de abril o seu estado no tramo entre A Estrada e Vedra e farán unha visita cultural e turística ao Pazo de Oca e os seus xardíns

08 abr 2024 . Actualizado a las 20:42 h.

O grupo micolóxico galego Luís Freire visita o próximo domingo, 14 de abril, a zona fluvial do Ulla nos concellos da Estrada e Vedra para o estudo das especies micolóxicas dentro da programación de saídas que realizan ao longo do ano iniciadas a principios dos anos noventa. Deste xeito, o grupo micolóxico galego regresa ás bisbarras do centro de Galicia trala visita do ano pasado a Lalín parando no hábitat de Catasós. A última incursión ao termo municipal da Estrada foi no 2011, segundo consta na súa documentación.

As comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes contan cunha gran tradición e riqueza micolóxica, que ten medrado nos últimos anos. Cómpre sinalar as actividades de divulgación micolóxica que teñen lugar na Estrada capital, Couso, Orazo, Soutelo de Montes, Rodeiro, Agolada ou tamén en Silleda. Unha zona onde hai múltiples referencias aos cogomelos a nivel divulgativo e incluso comercial ou social. O alcalde de Lalín, Xosé Crespo, recordaba que grazas á venda de Boletus comprou unha bicicleta de neno e o escritor Xosé Neira Vilas reflectía nalgunha das súas obras a recollida de «xiropatos» ou Morchellas para o consumo na súa terra natal de Vila de Cruces.

Saídas ao campo

A mellor época para saír ao campo na procura de cogomelos é cando hai moita humidade e a temperatura é suave, como no outono ou na primavera, pero cogomelos hainos todo o ano. Este pasado outono e inverno foron tan chuviosos que, se as temperaturas nesta primavera son suaves, é moi posible que aparezan cogomelos silvestres en cantidade, iso si poden ser comestibles, tóxicos ou sen valor culinario. En todos os casos fan unha importante labor no medio natural como alimento de pequenos animais ou como depuradores da materia orgánica, polo que non se deben estragar se non se van

recoller.

Na pasada Semana Santa, na zona de Silleda foron atopados exemplares de Macrolepiota procera, un cogomelo clásico do outono pero moi pouco habitual destas datas, o que para os micológos non deixa de ser unha mostra máis do cambio climático. A micoloxía é unha ciencia en constante e permanente evolución. Dende o grupo micolóxico galego destacan que a divulgación e investigación nesta materia nunca foi cousa doada e cada vez resulta máis complexa explicar para neófitos. Nos últimos anos téñense rexistrado numerosos cambios de denominación de cogomelos. Exemplares que antes estaba catalogados nun xénero pasaron a outro ou constitúen un propio. Esta circunstancia obedece a distintas e variadas causas, polo que require o paso das mostras polos laboratorios e a análise de ADN para saber diante de que cogomelo estamos. Tamén hai casos de cogomelos que pasaron de ser comestibles a tóxicos, polo que dende o citado grupo Luís Freire non se cansan de dicir que é precisa e imprescindible unha formación científica mínima para saír ao monte para recoller e consumir cogomelos.

De alimentos a medicinas

Os cogomelos poden empregarse como alimentos, pero tamén como medicinas. Existen un bo número de exemplares con propiedades medicinais e está en estudo o seu uso para aplicalos en distintas doenzas. En Galicia existe algunha empresa dedicada ao cultivo e ao estudo e investigación de propiedades de distintas especies para tratar dende o cancro ata o alzhéimer. Cuestións estas últimas que son menos coñecidas e pasan máis desapercibidas para a sociedade en xeral por ser a micoloxía unha ciencia complexa, en continuo avance e con moitos cambios.

Os cogomelos máis buscados na primavera polo micófagos son os Cantharellus cibarius, de color amarelo-alaranxado, de cheiro afroitado moi aprezado para caramelizar e empregar nas sobremesas. Tamén aparecen os Marasmius oreades de pequeno tamaño e habitual das praderías, cun pé elástico, utilizado en fresco ou deshidratado para sopas ou revoltos. Neste tempo podemos atopar tamén exemplares tóxicos do xénero Amanita, onde hai cogomelos comestibles pero tamén exemplares tóxicos e mortais.

Regulación da recollida

En Galicia está regulada a recollida de cogomelos dende hai unha década. Tamén a súa comercialización por medio dun Decreto Lei que limita a dous quilos a cantidade diaria a recoller por persoa, prohibe a recollida en bolsas de plástico e recomenda o uso dun coitelo ou navalla para a extracción completa dos exemplares, tratando de non danar o micelio e deixar o hábitat en bo estado.

Á marxe da saída técnica prevista ao hábitat do río Ulla no tramo entre os municipios de A Estrada e Vedra, os integrantes do grupo fará tamén unha visita turística e cultural ao Pazo de Oca, un dos emblemas arquitectónicos e paisaxístico polos seus xardíns, ao que acudirá en horario de tarde como complemento, algo habitual nestas excursións científicas.

Divulgadores e investigadores de toda Galicia e norte de Portugal

Os representantes do grupo micolóxico, procedentes das catro provincias galegas e do norte de Portugal, son divulgadores e investigadores con máis de trinta anos de experiencia en moitos casos. Expertos de todas as idades, dende os fundadores como Marisa Castro, José Antonio Díaz Núñez Machiño ou Antonio Prunell, membros do comité científico de Voz Natura, ata os máis novos, como Adrián Melón, que prepara a súa tese sobre Laccaria; Mauro Rivas, que traballa a diversidade fúnxica da península ibérica e Madagascar centrado nas familias Amanitaceae e Sclerodermataceae; ou María Cabaleiro, que defendeu en marzo a súa tese na Universidade de Vigo «Etnomicoloxía no noroeste ibérico: Galicia e norte de Portugal».

Os resultados e conclusións das especies atopadas nestas saídas, moitas delas serán recollidas para a análise de ADN, pasarán a formar parte dos estudos do grupo, moitos dos cales están volcados na revista científica Mykes, que se pode atopar en internet. Nalgúns casos estas saídas permiten primeiras citas para a ciencia de determinadas especies e incluso achádegos que con nome galego dan á comunidade científica internacional un novo cogomelo tras o paso polo laboratorio. O labor do grupo é fundamental no estudo da micoloxía galega dende que iniciou a súa divulgación formal en 1961 no Centro de Investigacións de Lourizán.

Naceu en 1992 e tivo como primeiro presidente o pai da micoloxía galega moderna, Luís Freire. Hoxe o presidente é Óscar Requejo e mantén a súa definición como independente e científico, dedicado ao estudo, divulgación e defensa do medio natural en relación coa macromicoloxía. Levan máis de 200 saídas con outras tantas experiencias para constatar a situación medioambiental e micolóxica de Galicia.