Marina Ferreiro abre a súa primeira mostra pictórica no Círculo de Recreo

amelia ferreiroa

LALÍN

. Rober Amado

A artista lalinense colga dende onte, e ata o vindeiro 26 de marzo, oito cadros de distintos formatos e temáticas variadas

15 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A pintura é a gran vocación de Marina Ferreiro. Lembra e atesoura as palabras do artista Laxeiro que, sendo ela unha cativiña, lle dixo que tiña mans de artista e a agasallou daquela cun debuxo «nunha caixa de mistos que se gastou de tanto tocala», comenta. Sempre lle tirou a pintura e «cando estaba no instituto un profesor meu me dicía que tiña que facer Belas Artes pero non puido ser. Eran outros tempos e estudar fóra non estaba ao alcance de todos», rememora Marina. Malia todo non deixou de soñar coa pintura e, cando as súas obrigas familiares llelo permitiron, «continuei facéndoo. A vocación sempre estivo aí pero non a puiden desarrollar tanto como gustaría por cuestións persoais». O coidado de maiores ao seu cargo ao longo de moitos anos truncaron esa ansia de pintar que retomou agora e que se traduce na súa primeira mostra pictórica que se pode ollar no Círculo de Recreo de Lalín ata o vindeiro 26 de marzo.

Oito cadros: acrílico sobre lenzo, óleo sobre lenzo e lápiz acuarelado de distintos tamaños e temáticas diferentes que mostran a creatividade de Marina. «Gústame crear máis que traballar por encargo, que tamén o fago se alguén me pide algo. Son de pintar un pouco de todo: paisaxes, bodegóns, animais, flores e nesta pequena exposición hai un pouco de todo para que a xente vexa o que fago. Agora teño máis tempo e fago o que me gusta!».

Unha primeira mostra pictórica que pode ser o comezo doutras moitas máis, comenta a artista natural de Botos. «Material para facer unha segunda xa teño dabondo e como sigo pintando non hai ningún problema para colgar outra». Polo de agora convidar ao público en xeral, insiste Marina, en que «pase a ver a obra».