As corais de Barro e Berres, no festival da Polifónica de Lalín

A formación lalinense ofrecerá por vez primeira un concerto por mor da celebración do Día das Letras Galega


Dar a coñecer as corais que existen na comunidade foi o obxectivo da posta en marcha do Festival de Corais de Lalín, que alcanzará o vindeiro 30 de abril a súa quinta edición, segundo explicaba o presidente da formación local Paco Sesto. Unha cita coa música coral, que dará comezo ás 21 horas no Salón Teatro de Lalín, e na que participarán as corais de Berres e Barro actuando como anfitriona a Coral Polifónica de Lalín en na que tomará parte tamén o Coro Luís Areán. «É un coro que tentamos dinamizar e os cativos aproveitarán o festival de corais para interpretar algúns dos seus últimos traballos», significou Sesto.

Un evento de canto coral en Lalín ao que lle seguirán múltiples actuacións e saídas para a coral lalinense. «Actuaremos en Barro alá para o 1 de xullo despois de que eles estén aquí a finais de mes. A Berres xa fomos polo que non temos unha visita pendente pero na axenda xa están outros concertos pechados e algúns que se poderían concretar en vindeiros días». Así no mes de maio a Coral Polifónica de Lalín desprazarase ata a parroquia de Doade para cantar no Museo Casa do Patrón e, para ese mesmo mes, prepara un concerto novidoso por mor da celebración do Día das Letras Galegas. «Será a primeira vez que teñamos un acto o 17 de maio e a intención do director Benxamín Otero é facer algo novidoso cun concerto de cancións en galego, ao aire libre nalgún espazo do casco urbán da vila». A formación lalinense está mantendo tamén contactos encamiñados a pechar posiblemente tres actuacións máis e traballa preparación do Festival de Outono, que terá lugar no vindeiro mes de outubro e prolongarase ao longo de tres fins de semana. Por outra banda o Coro Luís Areán continúa cos ensaios das cancións de Disney que serán o fío condutor do seu festival que prevén celebrar no próximo mes de xuño.

Votación
0 votos
Etiquetas
Lalín Teatro Día das Letras Galegas Disney
Comentarios