Traballador discreto e entregado

José Crespo

LALÍN

Adicado a Andrés Granja

09 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Querido Andrés Granja, Carrasqués, fúcheste sen ruído, como se vai a xente sabia. Atrás deixas unha pegada que, cas túas virtudes e defectos, os lalinenses che debemos agradecer. Véñenseme aos miolos milleiros de anécdotas que vivín contigo, algunhas de elas ben graciosas, pero que non é do caso contar agora. O que si é recurrente, nos meus pensamentos deste días, é o sentimento importante de gratitude que teño cara a túa persoa.

Cando cheguei á alcadía, sendo un rapaz novo de aldea, non coñecía moitas cousas do Lalín urbano, porque a miña Xuventude paseina no seminario de Lugo. Entre Tuno Valdés e ti, fostes quen de desasnarme en asuntos relacionados co casco urbano que eu descoñecía por completo. Un coñecemento da vila que, aparte de servirme para a miña vida política, valeume para saber a fondo como funcionaba o noso pobo.

O agradecemento, aparte do meu no eido persoal, debemos facercho tamén os lalinenses polo teu empeño en conseguir cousas para este pobo. Aí queda a túa loita por conseguir a Residencia da Nosa Señora das Dores no centro do pobo, cunha ubicación privilexiada que se conseguiu grazas a intermediacións como a túa, que permiteu que moitos dos seus usuarios poidan estar perfectamente atendidos e ao tempo manterse integrados no pobo que os veu nacer. Quero lembrar tamén que todos aqueles que se achegaban a ti -xa foran do rural, do urbano ou estiveran na emigración- sempre obtiñan un bo consello que lles dabas ca mellor das intencións.

Lalín quedou orfo

Lalín quedou orfo o pasado domingo dunha desas persoas sen as que sería difícil entender a nosa historia máis recente: polo que aportaches á comunidade, polo traballo discreto que realizabas polo ben de todos e pola serenidade e cordialidade coa que afrontabas proxectos tan importantes como o citado da residencia de Lalín.

Amigo Andrés, estou seguro que ca túa marcha non quedará no esquecemento o legado que nos deixas aos lalinenses e polo que mereces que che mostremos a nosa gratitude.