«Como non imos ter nenos obesos se o seu deporte preferido é o sillón»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

rober amado

A experta en nutrición aposta por reeducar a pais e cativos en hábitos saudables

23 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un 18,3 % dos cativos con idades comprendidas entre 6 e 9 anos teñen obesidade e a porcentaxe sobe ao 43 % se se inclúe sobrepeso, segundo datos aportados polo estudo Aladino. Na nosa comunidade, e con datos recollidos do programa Xermola da consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, se extrae que os cativos de entre 6 e 15 anos presentan sobrepeso ou obesidade. Pola súa banda o estudio Galinut, coordinado nun primeiro momento por Rafael Tojo, e posteriormente pola estradense Rosaura Leis salienta que a obesidade se triplicou en Galicia nos últimos anos. Os nenos galegos pesan hoxe, de media, 7,3 quilos máis que 38 años atrás e a súa cintura aumentou entre 4 e 6 centímetros. Datos para prantexar unha fonda reflexión ao respecto da obesidade infantil pero, ¿sucede o mesmo nas nosas comarcas? Para a dietista e nutricionista Vanessa Taboada Santín «salta á vista que aquí tamén hai sobrepeso e obesidade».

-Non podemos aportar datos concretos coma os dos estudos antes mencionados pero o que está claro é que os nenos gañaron peso e perímetro abdominal. A obesidade infantil multiplicouse por tres en Galicia en casi cuarenta anos e é moi preocupante.

-Cando falamos dun neno obeso, ¿cales son os parámetros a ter en conta para afirmalo?

-É preciso ter en conta o Índice de Masa Corporal e os percentiles que son os cálculos de referencia para diagnosticar a obesidade. Un neno ten sobrepreso cando o seu Índice de Masa Corporal supera o percentil 85 e estariamos ante un caso de obesidade se chega a 97.

-¿Un neno con exceso de peso será un adulto obeso?

-Está claro que durante os primeiros anos de vida están a formarse as novas células graxas segundo sexan precisas, de xeito que canta maior cantidade de graxa almacenemos, maior será tamén o número de células de tecido adiposo. Tense observado que os nenos obesos teñen ata o triplo de células adiposas que os outros cativos. O problema é que xeralmente a partir da adolescencia o número destas células se conserva constantemente o resto da vida polo que o seu exceso suporá unha maior facilidade para o almacenamento de graxa. Significa que controlar a obsedidade ou o exceso de peso sexa máis complicado. Todos os estudos están a dicirnos que, como norma xeral, os nenos obesos van desenvolver obesidade de adultos.

-¿Cales son as razóns pola se chega á obesidade?

-A dieta dos cativos adoita ser pouco variada e con gran exceso de azucre e graxas saturadas alén de demasiado abondosa. Curiosamente o feito de non almorzar pode provocar un efecto rebote no organismo, que vai acumular graxa para as horas de escasez. As principais causas son o aumento de produtos hipercalóricos sumado ao aumento do sedentarismo. Está tamén, entre as causas, unha falta importante de consumo de alimentos altos en fibra como froitas, verduras, hortalizas e cereais... Como non imos ter nenos obesos se o seu deporte preferido é o sillón. O sedentarismo e unha alimentación pouco axeitada están detrás deste problema no que os pais xogan un importante papel polo que é básico unha reeducación en hábitos saudables.

-¿Os pais recoñecen o problema ou se escudan en que ao medrar o rapaz xa perderá peso?

-Na consulta comprobas que hai pais que se implican na alimentación dos nenos e outros menos. Cando veñen é como último recurso e polo feito de que están asustados. Logo preguntas o que come o rapaz e xa entendes onde radica o fallo.

«Nesta progresión as futuras xeracións terán unha menor esperanza de vida»

Esforzarse en que os nenos vaian adquirindo boas pautas alimentarias «se non queremos que sexan persoas enfermas no futuro» é tarefa da familia, insite Vanessa Taboada.

-Hai moitas cousas que se fan mal e unha delas é deixar que os rapaces coman o que lles apetece, que case sempre, será unha pizza ou hamburguesa xa que o que había de xantar ou para cear non lles gusta. É moi común que se lle cambie o plato a un neno, que se lle faga outra cousa...e por norma xeral acabará comendo aquelo que lle gusta e que seguramente non é para nada saudable.

-Somos unha das comunidades con máis obesidade infantil...

-Débese o que comentabamos antes: hábitos de lecer máis sedentarios, comidas máis rápidas e mal elaboradas ou mercadas xa precociñadas e tamén moitos mitos falsos como que o pan, a pasta ou as patacas engordan. Claro que engordan, coma todo, pero en grandes cantidades.

-Quenes son máis propensos á obesidade, ¿nenas ou nenos?

-Creo que as nenas son máis propensas a desarrollar problemas metabólicos que os nenos en similares condicións. Hai que ter en conta que o alto peso ao nacer a a distribución das graxas na primeira infancia son factores que predispoñen á obesidade, aos problemas cardiovasculares, diabetes, hipertensión... Parece incríble pero patoloxías de adultos están aparecendo en nenos.

-¿Que pautas aconsella?

-Costumes alimenticios saudables. É un negocio seguro investir no ensino dunha dieta correcta, prácticar exercicio físico e rebaixar as horas de vida sedentaria. Se seguimos nesta progresión as xeracións futuras terán unha esperanza de vida menor, algo sen precedentes. Hai que concienciarse de que a obesidade é unha enfermidade.