«Invitaremos a todos os bispos de España a participar en celebracións»

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

LALÍN

miguel souto

Por primeira vez na historia do templo abrirase hoxe a Porta Santa, con motivo do Ano Xubilar Mariano

25 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Papa Francisco concedeu, a través da Penitenciaría Apostólica, un Ano Santo Mariano ao Santuario de O Corpiño (Lalín) que comezou o pasado 24 de xuño e culminará o mesmo día do ano 2018. Trátase, segundo recoñecía o reitor do Santuario de O Corpiño José Criado, un gran acontecemento relixioso e unha nova que non agardaba recibir; e menos nun espazo tan curto de tempo.

-A verdade é que nunca pensei que se nos concedera. Certo que fixemos a solicitude pero non pensei que ao santuario se lle concedera tan grande acto e solemnidade pero o Papa Francisco a través da Congregación para o Culto Divino e a Disciplina para os Sacramentos tivo a ben conceder a Coronación Pontificia da Virxe e con ese motivo a Penitenciaría Apostólica, tamén concedida polo Papa, o Ano Santo Mariano. Habitualmente tardan dous anos dende que se presentan as solicitudes ata a resposta. A nós tardaron catro meses en facernos a concesión, de abril a xuño.

-¿Que se require para acadar tal concesión?

-Son dúas gracias as que nos concedeu o Papa. Para que se poida conceder a Coronación Pontificia é necesario que exista una imaxe da Virxe, que teña moita historia -cun mínimo de tres séculos- que no caso de O Corpiño se cumple con creces xa que os inicios se remontan ao século VIII e aportar documentación e fotografías de que hai xente non só os días de festa senón ao longo de todo o ano. É o caso deste santuario que sempre se enche de fieis. Con motivo do Ano Xubilar Mariano os fieis cristianos arrepentidos que acodan ao santuario poden conseguir Indulxencia Plenaria con confesión, comuñón, oración polas intencións do Pontífice e que recen ante a imaxe da Virxe.

-Falaba de que este santuario mariano sempre está cheo de devotos, ¿que volume acolle habitualmente?

-Non podería aventurar unha cifra. A xulgar polas comuñóns que damos, é non é un dato real senón aproximado, repártese no verán unhas 800.000 comuñóns á semana sin contar os domingos en que poderían ser o dobre ou máis.

-Aperturarase hoxe por primeira vez a Porta do Ano Santo...

-Que saibamos é a primeira vez na historia do templo. Simboliza o pasar do mal e do pecado ao ben, ao estado de gracia. Unha porta que estará aberta todos os días ata o 24 de xuño de 2018 en que terá lugar a Coronación Pontificia. Ás seis da tarde comezarán os actos coa procesión extraordinaria coa imaxe titular do santuario a Virxe do Corpiño, así o considerou a vintena de voluntarios que colabora nesta celebración, para logo proceder a apertura da Porta Santa e entrar no santuario pasando por debaixo da imaxe e pedindo a súa protección. Unha vez dentro levarase a cabo unha solemne eucaristía de Acción de Gracias.

-¿Agarda a presenza de numerosos párrocos?

-Moitos. Estarán compañeiros da contorna pero tamén doutras dioceses. É un acontecemento extraordinario para O Corpiño e para Galicia. Está habendo actualmente dous Anos Santos que son os de Liébana e Caravaca de la Cruz e para o ano, que teña constancia, só haberá o do Corpiño. Alomenos é a información que teño.

-¿Suporá tamén unha maior afluencia de fieis ao santuario chegados de todo o país?

-Teremos varias celebracións ás que invitaremos a participar a todos os bispos de España e aos fieis das súas dioceses. O feito de ser Ano Xubilar Mariano incrementará a afluencia de devotos.