Encamiñarse na gandería, a profesión pola que apostan 52 rapaces galegos

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

LALÍN

Cedida

Péchase hoxe a Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros en Mouriscade

05 sep 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, ten previsto xirar visita este mediodía á Finca Mouriscade, en Lalín, para clausurar a terceira Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros da Federación Frisona Galega, que se celebra en colaboración co Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia, e na que participan 18 chavales chegados desde varias localidades galegas.

Un acto de peche dunhas xornadas cheas de aprendizaxe no que o presidente do ente provincial estará acompañado polo alcalde de Lalín José Crespo, concelleiros, profesores encargados das ensinanzas e do propio alumnado participantes.

Máis de cincuenta rapaces, 52 exactamente, pasaron polas diferentes quendas desta escola que naceu coa vocación de formar novos gandeiros. «Son chavales que queren aprender e ser gandeiros, e iso díxonolo un alumno de tan só oito anos que ten claro o seu futuro profesional», explica Avelino Souto que xunto a María Manteiga, ambos pertencentes ao Clube de Xóvenes Gandeiros de Galicia, se fixeron cargo das ensinanzas da escola. Nesta quenda participan 18 rapaces, con idades de entre 8 e 17 anos, chegados desde varios sitios de Galicia pero especialmente daqueles onde prima a gandería: A Pastoriza, Urdilde, Castroverde, Santa Comba, Mesía e por suposto Lalín. Neste caso son alumnos que teñen ás costas outros cursos e «algúns xa se lle nota que están acostumados a estar nas cortes e que teñen vacas nas súas, pero que non tiñan idea de facer pelados ou de xenética», comenta Souto.

A terceira Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros mantivo unha estrutura de programación moi semellante ás dúas anteriores: clases teóricas e prácticas cos animais. Xornadas que comezaron ás oito da mañá, e remataron ás once ou doce da noite; «penso que traballaron, aprenderon e tamén disfrutaron dunha actividade á que asistiron porque lles gustaba». Os rapaces ocuparon o seu tempo entre as clases de xenética, coñecer os índices, as partes das vacas e as ensinanzas prácticas de lavados e pelados de animais. «O que lles resultou máis curioso á maioría dos rapaces foi iniciarse precisamente no pelado, no uso das cuchillas e a parte xenética dos animais».

Unha terceira quenda da escola que pecha a porta pero que debería de manterse no tempo, como apunta Souto. «Xa o comentamos entre os compañeiros do Clube que se ten que seguir con esta formación. Dos 52 rapaces que pasaron pola escola posiblemente 45 poidan ser gandeiros no futuro, teñen vocación e quérenlle ás vacas. Iso nótase e vese, e mesmo xa estamos pensando en facer algo no próximo mes de decembro todos xuntos. Estamos traballando no tema».

Independentemente do futuro que finalmente escollan estes mozos, o que non se lles pode negar é o interese co que acolleron todas as ensinanzas e o tesón no traballo realizado ao longo dos últimos días.