Un proxecto para impulsar a creación artística no rural da man de tres músicos lalinenses

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

Abriron un espazo cultural na Ribeira Sacra onde se refuxiou Manuel Díaz, médico represaliado a quen homenaxean nun filme

22 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Músicos da Banda de Lalín, pero afincados en Lugo, Patricia Castro, Lorena López e Julio Costa puxeron en marcha o ano pasado un proxecto cultural na Ribeira Sacra co obxectivo de impulsar a creación artística no rural, así como recuperar fitos da historia e etnografía da comarca. Para levalo a cabo formaron en xaneiro a asociación A memoria é náufraga, coa que xestionan dende xuño A Casa da Memoria. Un espazo situado en Bóveda que serviu de refuxio a Manuel Díaz González, último alcalde republicano do Incio, represaliado e asasinado polo bando franquista ao comezo da Guerra Civil.

Coñecido coma «o médico dos pobres», a súa figura é moi popular na comarca. Para preservar e divulgar a súa memoria, o afán destes tres lalinenses topouse coa curiosidade de Federico A. Rioboo, quen dirixiu unha película-documental producida pola asociación que narra a vida do «Pequeniño do Incio», alcume deste benquerido médico rural.

Co título de O médico dos pobres, o fío condutor deste documental nace a través da obra Siembra y memoria. Muerte y evocación de un médico republicano, escrita polo seu sobriño, José Luis Díaz Gómez. Unha investigación da vida do seu defunto tío que comezou de xeito accidental, cando atopou entre os documentos da familia unha nota que dicía: «O 11 de setembro de 1936 matáronme a Manolo os Fascistas, de Laiosa ó Incio».

Manuel Díaz González atendía aos pacientes de poucos recursos. Os seus estudos sobre o bocio tiveron un gran impacto, ata o punto que Gregorio Marañón felicitouno polo seu traballo. Foi compañeiro e amigo de persoeiros relevantes coma Castelao ou Casares Quiroga, chegando á alcaldía do Incio en 1927. Anos despois afiliouse á Organización Republicana Gallega Autónoma e a Izquierda Republicana.

Proxección en Lalín  

O documental proxectase en Lalín o vindeiro sábado 6 de abril ás 19.00 horas. O acto terá lugar no edificio polivalente da rúa Manuel Rivero e será presentado pola escritora Charo Golmar. Este filme leva percorrendo Galicia e España dende o pasado mes de outubro e xa suma máis de 25 exhibicións. No futuro coñecerán a historia deste médico e alcalde republicano en cidades coma San Sebastián e Lisboa, onde proximamente presentase o documental.

Dende a asociación apuntan que non so empregarán o centro de Bóveda para enxalzar a memoria de Manuel Díaz, senón que colaborarán co grupo de investigación da USC, Histagra, para descubrir outras historias de interese das terras da Ribeira Sacra. A Casa da Memoria tamén servirá como espazo para desenvolver obradoiros sobre o tratamento de doenzas mentais empregando métodos artísticos como a música. Amais, servirá de residencia temporal para artistas en contacto co rural.