Lembrando a Varela Buxán, o patriarca do teatro galego

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Seminario de Estudos de Deza

Xosé Luna e González Alén participaron no museo de Lalín nunha charla do Seminario de Estudos de Deza

14 abr 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Antonte no Museo Municipal de Lalín, celebrouse a anunciada charla dedicada ao escritor e dramaturgo Manuel Daniel Varela Buxán (A Estrada, 1909?Lalín, 1986), organizada polo Seminario de Estudos de Deza (SED), na que participaron o escritor e editor estradense Xosé Luna Sanmartín e o cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén. Ao acto que constituíu unha sinxela homenaxe e lembranza a patriarca do teatro galego, asistiron os representantes do Padroado Cultural de Lalín, do SED e numeroso público, entre o que se atopaban os sobriños de Varela Buxán, Xosefina e Manuel.

Presentou o acto a concelleira Begoña Blanco en representación do Concello, o Padroado Cultural e o SED, cunha breve intervención na que tivo emocionadas palabras de recordo para o que fora o seu ilustre veciño en Cercio, parroquia lalinense que tantas homenaxes lle ten dedicado ao pioneiro do noso teatro e lalinense e galeguista exemplar.

Na súa intervención Xosé Luna versou sobre a infancia de Varela Buxán en terras estradenses e xa con mais detalle, do seu labor teatral en Buenos Aires, escribindo unha ducia de obras que alí serian representadas con grande éxito, pola primeira compañía profesional de teatro galego por el fundada e dirixida, que co nome da súa dona, a actriz e cantante, Maruxa Villanueva, correu coa estrea da obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse. Referiu logo o seu retorno a Galicia, onde tentou repetir o éxito acadado na diáspora e a súa participación na actividade cultural galega da segunda metade do século XX, aspectos estes e moitos máis que recolle no libro Varela Buxán o patriarca do teatro galego editado polo SED en 2002, coordinado polo propio Xosé Luna.

Pola súa banda, González Alén procedeu á proxección dun audiovisual realizado no 1996 e exhibido daquela no 10 aniversario do pasamento de Varela Buxán, para cuxa montaxe contara coa colaboración de Nardo Seijas Bernabé que agora tamén se encargou da súa dixitalización, con imaxes de Varela Buxán con Tacholas e o Tío Xanete, nunha visita ao mosteiro de Carboeiro e a fervenza do Toxa no 1975; da inauguración do teleclub de Cercio no 1980, na que se lle tributou multitudinaria homenaxe popular e imaxes de Maruxa Villanueva, cantando e recitando sobre imaxes de Galicia, para rematar cun emotivo álbum persoal do lembrado dramaturgo, finado en Lalín aos 77 anos de idade. O cronista lalinense fixo un breve resume da contribución da Varela Buxán a cultura e mesmo a vida social de Lalín, municipio no que viviu a maior parte da súa vida, pola que mereceu ser recoñecido coma Fillo Adoptivo e dar o seu nome ao colexio de Cercio; a súa colaboración como pregoeiro da Feira do Cocido no ano 1980; as súas publicacións nos libros, prensa e distintos medios de comunicación nos que Lalín e Deza estiveron a coitío presentes.

Tanto Luna coma Alén, remataron as súas intervencións, moi aplaudidas polos presentes, lamentando que malia ser recoñecido e homenaxeado en numerosas ocasións polos seus paisanos de Deza e A Estrada, Galicia tiña pendente un recoñecemento oficial con Varela Buxán, que ben podería ser a dedicatoria do Día das Letras Galegas, sobradamente merecida, distinción que xa solicitaran a Real Academia Galega os concellos de A Estrada e Lalín no 1999, sen que incomprensiblemente fora atendida ata agora.