O gaiteiro da banda sonora ao pé da torre de Hércules

La Voz LALÍN / LA VOZ

SILLEDA

28 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Atorre de Hércules perdeu co pasamento de Antonio Mato parte da banda sonora que a acompañaba moitos días, xa que alí ensaiaba con outros gaiteiros ante a imposibilidade de facelo na casa. Era tal a súa paixón que nos últimos meses desprazábase, debido aos seus problemas de mobilidade, en taxi dende a súa casa en Monte Alto aos campos da Torre para seguir tocando. Este intérprete, que foi enterrado o mércores coa música de varios compañeiros na Barcala, foi un compositor recoñecido e din, os gaiteiros Luís Graíño e Erea Estévez, inxustamente valorado. Comezou a tocar cun flautín feito cun pau da vasoira aos 12 anos e estrenouse como músico profesional tocando os reises para conseguir o aguinaldo. De formación autodidacta, sumouse, en Silleda, a Os Gaiteiros do Sar e despois pasou os seus tres anos de servizo militar co instrumento que lle librou, contou, ata de arrestos. Xa na Coruña, chegaría a Cántigas da Terra, onde estivo case un cuarto de século, e cos seus fillos montou o cuarteto Os Mato, cos que participou en canta alborada se facía na contorna da Coruña e en diferentes vilas da provincia, onde eran demandados pola súa profesionalidade. Este virtuoso tamén da harmónica, deixou unha fonda pegada no folclore e tamén coas súas pezas, interpretadas por numerosas agrupacións. Raúl Galego, o Gaiteiro Nubeiro, que foi quen escribiu o repertorio de Mato, que non eran quen de pasalo a partituras, e axudou a divulgalo, califica as súas achegas como importantes non só polas súas creacións, senón por ser quen de transmitir pezas seculares as novas xeracións.