Silleda, un Concello de película

alfredo Abeledo penas SILLEDA

SILLEDA

O Mosteiro de Carboeiro foi xa en moitos ocasións estudio de gravación de cinema para actores relevantes

26 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A principios do mes de marzo rematou o último capítulo da serie O final do Camiño, da produtora Voz Audiovisual, que empregou como fío condutor a construción da Catedral de Santiago, polo impulso dado polo bispo Diego Peláez no ano 1075, co apoio da realeza da época. E o pasado 17 do mesmo mes tivo lugar en Silleda un acto de agradecemento por parte da Deputación de Pontevedra e o Concello de Silleda á provincia e á produtora, por utilizar zonas do termo municipal e municipios próximos como platós e decorados dunha serie, que se introduciu nas nosas casas coma noutros tempos o fixeran os programas estelares da TVE.

Había momentos en que o comentario do día despois, xoves, versaba sobre que lugar ou monumento saíra ou que veciño ou veciña aparecera de figurante ou de extra. Estabamos abducidos por unha extraña corrente de gas procedente da pantalla semellante a do mundial de fútbol, cando a selección española quedou campiona.

Certamente, hai que dicir que Silleda é un Concello de película. Moitos foron os lugares que se prodigaron en cada capítulo. Ata chegaron a bautizala co novo topónimo de Silleda de Compostela. E deso deron boa conta sitios coma, o Recinto Feiral, Canteiras de Rosende, A Fervenza de Férveda, Saídres, Xestoso, Ansemil, Cira, Carboeiro,...

Nunca foi sorpresa, que o Mosteiro de Carboeiro teña sido estudio de gravación de cinema para actores da categoría de Sancho Gracia, Luis Tosar, Agustín González, Aitana Sánchez Gijón, Charlton Heston ou mesmo Enrique Iglesias, aínda na memoria recente, pola rodaxe dun vídeo clip. Mais tampouco acontecera, salvo no caso de Flor de Santidad ou Reliquias, que este cenobio e o de Ansemil poideran ser, eso... conventos, acubillo espiritual da tumba do Apóstolo Santiago e recreación da Compostela medieval, asento de reis e foco cultural mundial. Toda unha honra.

O que chamaba a atención da serie recén rematada era a mestura de certos personaxes da ficción, os irmáns Catoira por exemplo, coa realidade da existencia doutros, mil veces lembrados na historia mais lonxana de Galicia, porque foi aí, no século XII cando gozou de máis soberanía e prestixio, co nomeamento de Alfonso VII como Rei de Galicia (1111) e coa implantación do galego coma idioma oficial do reinado. Aí é nada!!!.

Eses personaxes, Alfonso VII, a súa nai a raíña Urraca e o bispo Diego Xelmírez foron os protagonistas reais dunha fantasía que se emitiu todos os mércores sobre uns decorados tamén improvisados e de película, pero chegados ata aquí, venme a memoria unha escena do último capítulo do Final do Camiño. Gonzalo de Catoira, na compaña da súa amada Elvira e do fillo de Pedro, aparecen arando unha leira, nunha parcela escollida para a gravación. Era en Fucarelos, Cira, onde a praia fluvial. Unha ficción.

A torre de homenaxe que outorga a Cira relevancia internacional

Curiosidades da historia. Preto da leira citada antes en Fucarelos, no couto coñecido coma do Castelo, cerca do lugar das Lagoas, atópase unha torre de homenaxe que lle outorga a Cira importancia internacional. Declarado Patrimonio Nacional desde 1949, este castelo foi construído no ano 1115 polo conde Xoán Vermudo Suárez e logo arrebatado pola raíña Urraca, nai de Alfonso VII, rei de Galicia.

Froito das loitas mantidas coa nobreza galega e co clero compostelano o 20 de xullo de 1120 prendeu por sorpresa ao arcebispo Xelmírez, que sufríu cárcere dentro das súas paredes ata o 28 de xullo, data en que foi liberado da custodia que exercía o cabaleiro Xoán Díaz. Posteriormente e dado o interese estratéxico do promontorio silledense, emprazado dentro das terras de Santiago, Xelmírez consegue comprarllo á raíña por 150 marcos de prata.

Nobres e arcebispos

Destruído o castelo polos Irmandiños no século XV, levantouno de novo López Moscoso, Conde de Altamira, en 1470 sendo testemuña de novos incidentes entre nobres e os arcebispos. Alonso de Fonseca, arcebispo de Santiago de Compostela, levanta no cumio do Pico Sacro un castelo-torre para poder facer fronte ás pretensións e ataques do Conde. E isto sí aconteceu!.

Aquí, e despois de vencellar a historia televisiva coa real, ben se pode aplicar o dito, «En Silleda, calquera parecido coa realidade non é pura coincidencia, é verdade».