A vida vivida en letras, memoria e dignidade

Serxio González Souto
SERXIO GONZÁLEZ VILAGARCÍA / LA VOZ

SILLEDA

m. s.

Mariví Villaverde, a derradeira das fillas de Elpidio Villaverde, escritora e viúva de Ramón de Valenzuela, finou en Ribadumia esta fin de semana aos 95 anos

25 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mariví Villaverde apagouse aos poucos, o domingo, na residencia de Ribadumia na que habitou os últimos anos da súa longa vida, marcada polo levantamento franquista e o exilio. Tanto como polo seu compromiso e a súa paixón polas letras, compartidos ambos co seu home, o intelectual silledense Ramón de Valenzuela. Filla do primeiro alcalde republicano de Vilagarcía, Elpidio Villaverde, con ela marcha no só a memoria dun tempo terrible e da frustración histórica de toda unha sociedade, senón tamén a capacidade para contala e transmitila. Para que a desmemoria e o esquecemento nunca condenen a Galicia a repetir os erros do seu pasado.

Mariví foi, en efecto, unha decidida loitadora pola lembranza. «Paréceme que o menos que se pode facer é lembrar a tanta xente que foi sacrificada; é un acto de xustiza», sostiña a escritora, nunha conversa mantida, hai xa catorce anos, no seo de La Voz de Galicia. Daquela, o seu libro Tres tempos e a esperanza non se presentara formalmente en Vilagarcía, aínda que si en Madrid e en Santiago. Tampouco a figura do seu pai tivera o merecido recoñecemento que a cidade lle debía a quen foi o seu rexedor, presidente da súa Cámara de Comercio e deputado electo en 1936, o mesmo ano no que a gadaña afiada dos militares golpistas e as mortíferas forzas retrógradas que os alimentaban fixeron estoupar a guerra e a represión.

«Tres tempos e a esperanza»

Tres tempos e a esperanza é unha pintura da Vilagarcía e a Galicia dos anos trinta, da proclamación da República e dos soños e esperanzas que fixo agromar. Tamén do espertar e da caída no pesadelo. As memorias dunha moza obrigada a pasar cinco meses agochada xunto a súa nai e os seus dous irmáns, de casa en casa, ata conseguiren marchar e se reuniren co seu pai, quen salvara a vida polos pelos fuxindo a Portugal grazas a un bo amigo, o consignatario Pío Carrasco. «Un día, o mando da Garda Civil díxolle á miña avoa, que era a dona do edificio do cuartel, que non sabía onde estabamos, que non quería sabelo, pero que marchásemos canto antes, porque non quería máis nada sobre a súa conciencia». Así relataba Mariví o nefasto, o durísimo ambiente de morte e persecución que se abatera sobre os vilagarciáns naqueles días de xullo de 1936. Logo chegaría o exilio. Primeiro en Francia, despois en Arxentina. Tamén, á súa maneira, en Madrid, aínda nos anos crueis da ditadura. Porque o seu libro é, tamén, a historia dun amor, o que se profesaron Mariví e Ramón, co que non puideron dúas guerras e que levou á parella a establecérense na capital en pleno franquismo.

O recoñecemento chegou. A ela, coa presentación da súa obra en Vilagarcía e a homenaxe que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega lle dispensou en Santiago. Ao seu pai, coa dedicatoria dunha rúa, o paseo Elpidio Villaverde, en novembro do 2005. Os tres irmáns, Mariví, Rosina, Francisco, viron recompensado, á fin, tanto amargor. Ningún dos tres está xa, pero si a súa memoria, feita de letras e unha inesquecible dignidade.

Conexión na Bandeira con Silleda e con persoeiros da cultura galega

O Concello de Silleda amosou onte as súas condolencias á familia polo pasamento de María Victoria Villaverde Otero, Mariví Villaverde, «escritora, intelectual e viúva do silledense Ramón de Valenzuela». Dende o Concello lémbrase a participación de Mariví en actos culturais, no municipio, en memoria do autor de quen ela foi «a gran confidente e compañeira, e a memoria viva dunha traxectoria marcada tamén polo exilio e o amor a Galicia».

A conexión de Mariví con Silleda foi tanxible en canto muller de Ramón de Valenzuela. A súa presenza estivo programada nos actos de homenaxe ao polifacético escritor polo centenario do seu nacemento que lle organizou a asociación Vista Alegre da Bandeira e o Concello. Unha saúde delicada e a distancia con Madrid fixérona desistir, no 2014.

O día da gran conexión con Silleda foi moito antes, no 2008. Conexión con Silleda e sobre todo cos persoeiros da cultura galega. Os colectivos Adellís e Comisión pola Memoria promoveran adicarlle unha rúa ao ilustre silledense e ela retirou a bandeira galega da placa no acto inaugural o 23 de xullo. «Ramón merecíao. Dende moi novo loitou pola cultura das xentes galegas e a rúa servirá para que a xente que non o coñeceu o lembre», dixo Mariví aquel día ante persoeiros como Neira Vilas, Anisia Miranda, Díaz Pardo ou Pousa Antelo. As súas verbas serven igual para ela que, coma o seu home, seguirá ligada a Silleda por sempre.