Os Cabaleiros de Hoy-Vas celebran festa e ruta ecuestre a carón do Ulla

amelia ferreiroa

VILA DE CRUCES

. m. M.

O colectivo cruceño ten aberto ata o xoves o prazo de anotación para asistir ao xantar

18 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O día 23, ás 10.00 horas da mañán das inmediacións da capela de Hoy-Vas, de Piloño (Vila de Cruces), sairá a ruta a cabalo que organiza a asociación de cabaleiros da localidade e que significará o comezo dun día de festa; a vixésima segunda destas características que se programa na parroquia. Na orixe do festexo está, lembra a presidenta da Asociación de Cabaleiros de Hoy-Vas Belén Salgueiro, un pequeno accidente sucedido anos atrás. «Todo veu dado por unha patada dun cabalo e unha posterior misa... Comezamos uns poucos pero todo a nivel moi familiar, xa que estabamos meu pai, meu irmán, algún curmán e amigos, a facer unha festa pequena á que logo lle engadimos unha ruta a cabalo e tamén unha comida. Unha estructura programática que se conserva máis de dúas décadas despois e que se repetirá este domingo cunha ruta ecuestre a carón do Ulla para posteriormente á unha asistir a unha misa na capela de Hoy-Vas e dar paso ao xantar de confraternidade, a base de pulpo e churrasco, ao fío das 14.30 horas. A festa estará amenizada por Punto Zero e ata o vindeiro xoves os interesados poden aínda formalizar a súa anotación. As previsións de asistencia semella serán moi semellantes ao do pasado ano, segundo a presidenta, e rondará os 150 comensais chegados dende Lalín, Vedra, Prado, Chantada, Rodeiro, Merza, Carbia e Camanzo entre outras localidades. Tamén, como é habitual, «espérase a última hora para reservar», apunta Belén Salgueiro unha das poucas mulleres que leva as rendas dun colectivo configurado maioritariamente por homes. Cargo que ocupa nos últimos quince anos, e no que di sentirse a gusto, «ao contar sempre co apoio dos compañeiros».