Un gasto sen control no Concello de Vila de Cruces

Jesús Otero

VILA DE CRUCES

09 nov 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Fai un par de meses un veciño do termo municipal de Vila de Cruces, publicaba nun medio de prensa escrita, unha opinión de quen era Luís Taboada, alcalde de Vila de Cruces, facéndolle unha acertada radiografía persoal e pública.

Hoxe como concelleiro na corporación municipal e como portavoz do Partido Popular de Vila de Cruces, Jesús Otero, salgo ao paso para aclarar aínda mais quen son Luís Taboada, Julio López e Mireya Otero, os tres membros deste desgoberno que pretenden impoñer as súas accións eludindo todo control legal da súa acción de goberno e pretendendo culpar aos membros da oposición da súa continua incompetencia e das continuas ilegalidades que se están a cometer no concello na xestión diaria do diñeiro público.

Nos pasados días, todos os concelleiros e concelleiras presentes no pleno, tanto do noso grupo como do BNG e do PSOE, votamos en contra dunha modificación de suplemento de crédito para pagar 221 facturas de traballos que xa foran realizados e contratados sen reserva de crédito e moitos deles con total inexistencia de proposta de gasto por parte do equipo de desgoberno. Estas facturas son dende o día 12 de setembro ata o 4 de outubro do presente ano 2022 e presentaban un importe de 168.447,86 euros.

Non se trata dunha acción por capricho e queda claro, que cando tres partidos políticos diferentes coinciden na votación, é por algo. E é que o señor Taboada está a cruzar todos os límites da legalidade pretendendo gastar os impostos dos veciños e das veciñas en pagar facturas que carecen de todo procedemento dacordo coa lei. A nosa postura foi moi clara nos dous plenos celebrados en relación a este asunto, magoa que o señor alcalde de Vila de Cruces non se queira dar por enterado e queira culpar aos outros grupos, para tratar de tapar a súa incompetencia e as súas continuas irregularidades.

Facturas

Deste lote de facturas, todas elas con inexistencia de proposta de gasto, chaman especialmente a atención un total de sete nas que non se cumpre a legalidade de facturación a unha administración pública. Así, ademais da inexistencia de proposta de gasto, non se aclaran os traballos realizados nin os lugares

nos que se levaron a cabo as accións que se pretenden pagar así como tampouco existe reserva de crédito para as mesmas, sospeitando, que estas facturas poden corresponder con traballos feitos en propiedades

privadas estando ante un caso de presunta malversación de fondos públicos.

Dende os grupos da oposición, propuxémoslle ao señor Taboada, que retirase estas facturas en situación irregular para proceder á súa subsanación documental e se procedera á aprobación das restantes facturas, proposta desbotada de inmediato pola prepotencia do equipo de desgoberno, chegando o propio alcalde a asegurar que non cumpriría coa legalidade e que seguiría gastando onde e como considerase oportuno.

Dende o grupo do Partido Popular, podo asegurarlle que a nós non nos vai intimidar nin facer cambiar de postura cos seus xogos e coas notas de prensa do seu asesor, se queren aprobar este gasto, terán que cumprir coa lei, nin mais nin menos, ou no caso, retirar as facturas que presentan as irregularidades sinaladas para proceder ao pago das demais.

Esta actitude, de continuar, o único que vai a traer para o municipio e para os veciños son problemas futuros xa que se está gastando sen control e incumprindo a lei provocando ademais, que as empresas e os autónomos que facturan correctamente non poidan cobrar o seu traballo.

Descoñecemos o verdadeiro interese por intentar camuflar estas facturas irregulares no medio de outras, o único certo que sabemos e que o único culpable desta situación é o equipo de desgoberno que está de forma sistemática incumprindo a lei, o que provocará que teñan que dar explicacións diante dun xuíz asumindo todas aquelas consecuencias legais derivadas da súa premeditada xestión.