Restritivo e contraerá a economía

Manuel Lago
Manuel Lago TRIBUNA

ECONOMÍA

04 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Segundo as propias previsións que fai a Xunta, a economía medrará no 2017 moi por baixo do 2016, ata o extremo de que no final do próximo exercicio o PIB estaría crecendo menos da metade do que o está facendo agora. O Goberno dá así por rematada a brevísima fase expansiva do ciclo económico e anticipa a volta ao crecemento débil, o que vén a demostrar a falta de consistencia da recuperación que se sustenta sobre factores externos (prezo do petróleo, política monetaria expansiva do BCE...) que non foi aproveitada para corrixir os desequilibrios económicos e sociais que sufrimos.

Rematado o ciclo electoral, os Orzamentos volven á senda do axuste: os ingresos correntes apenas van medrar o 1,2 %, cifra que está por baixo da previsión de inflación e, polo tanto, caen en termos reais. A comparación co 2016 é demoledora: neste exercicio medraron en 503 millóns e agora só 79 millóns, seis veces menos.

Esta caída nos ingresos dá continuidade ao proceso iniciado no 2010 de perda de peso do gasto público na economía: no 2009 o gasto non financeiro equivalía ao 20 % do PIB, mentres que no 2017 apenas chegará ao 15 %, unha perda de 5 puntos de PIB equivalente a 3.000 millóns de euros, cifra que cuantifica o brutal axuste que sufriu o orzamento baixo a presidencia de Feijoo e que se traduce no deterioro na calidade dos servizos públicos, nas prestacións sociais e na modernización da economía, os sectores produtivos e as infraestruturas no noso país.

A cifra de incremento nos Orzamentos do 2017 é tan pequena que habería que esperar ata o 2027 para volver aos valores nominais de gasto do 2009, e non sería ata o 2031 a recuperación do nivel de gasto en termos reais, isto é, se se ten en conta a variación dos prezos.

A combinación do cadro macroeconómico e as cifras do orzamento lévanos a unha cuestión fundamental: se no 2017 a riqueza producida en Galicia volve aos niveis previos da recesión, ¿por que temos que vivir peor? En especial, ¿por que se o nivel de PIB xa é igual ao do 2009 o orzamento da Xunta é un 25 % máis baixo en termos reais, isto é, por que temos un 25 % menos de recursos para financiar os servizos, as prestacións públicas e a inversión?