Arigal renova a súa web no marco do seu cambio de imaxe

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

ECONOMÍA

SANDRA ALONSO

O novo portal, que está en galego, busca darlle maior visibilidade e transparencia ao sector dos áridos

18 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Galega de Áridos, Arigal, iniciou hai un ano a renovación da súa imaxe e, nese marco, presentou onte a súa nova web, www.arigal.gal. «Queremos renovar a imaxe agora que cumprimos 18 anos e trasladar á sociedade as novas tecnoloxías», explicou o presidente da entidade, José Lista Tasende.

A renovación deste portal por parte de Arigal contou co apoio da Xunta de Galicia a través do plan de dinamización da lingua galega no tecido económico, que foi aprobado en agosto do ano pasado. «Este plan o que pretende é incluír o galego dentro das actividades das nosas empresas e nese camiño atopamos aliados que quixeron implicarse, como é o caso de Arigal», explicou onte o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que acompañou ao presidente de Arigal, José Lista, e ao seu director, Carlos Martínez, na presentación desta nova ferramenta. O representante da Xunta destacou que a entidade «puxo o máximo interese en incorporar a lingua galega ao seu funcionamento». Ao acto tamén asistiu o presidente da Cámara Mineira de Galicia, Juan de Dios Martín.

Arigal, que integra un total de sesenta empresas -que representan o 93 % das especializadas no sector dos áridos en Galicia-, pretende con esta nova web darlle unha maior visibilidade e transparencia a esta actividade, ademais de incidir no medio rural, que é onde están asentadas estas firmas. «Hai que lembrar que é a materia prima máis consumida despois da auga», destacou o director da asociación, engadindo que este tipo de empresas xeran postos de emprego de calidade no medio rural galego.

Arigal apostou nesta renovación por facer unha páxina web moi intuitiva e dinámica, que, ao mesmo tempo, está deseñada para o seu uso nos novos dispositivos, como os teléfonos móbiles e as tabletas, xa que son os que están experimentando un maior crecemento nestes momentos. Nela, por exemplo, pode encontrarse a situación das diferentes canteiras existentes, así como o tipo de material que ofrecen. «A asociación, con este portal, tamén busca dar un pasiño máis no seu sinal de identidade, que é o galego, de aí que tamén incorporemos ao noso logotipo o mapa de Galicia», manifestou Martínez. Neste novo sitio web, ofrécese información corporativa, con apartados específicos tamén para os propios asociados, e información técnica, ademais de que adquiren maior relevancia as características e dimensións do sector dos áridos en Galicia.

«Agardamos que sexa un instrumento de utilidade para todas as empresas que traballan no sector», destacou o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, incidindo en que agardan seguir mantendo o vínculo co colectivo de áridos.