Cobrar por resultados

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

EDUCACIÓN

30 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A toma de posesión dun novo ministro de Educación adoita vir acompañada dalgunha arroutada, que xa non sorprende á comunidade educativa. Encárganse libros brancos, prométense pactos ou anúncianse medidas orixinais, que case sempre son vellas, pero con distinto nome. Nesta ocasión é a quenda dos docentes. Segundo o señor Marina, responsable do libro branco desta profesión, unha das solucións para conseguir que os nosos mestres estean máis motivados vai ser pagarlles en función dos seus resultados. Os bos non poden cobrar máis cós malos e para conseguilo hai que implantar un eficaz sistema de avaliación nos centros educativos, que permita determinar con claridade o rendemento de cada un. Coincido totalmente con este diagnóstico, que xa é clásico no sistema educativo. As medidas están ben tomadas, pero o gran problema vai ser cortar a tea.

O noso país non está preparado para implantar un sistema coma este, por ter arraigadas tres características sociais de moi lenta superación: titulitis, falta de cultura da avaliación e confusión de autoridade con autoritarismo. Aquí cobrouse sempre en función dos papeis que cada un ten, con independencia da capacidade ou do traballo. Por iso ven fracasando a aplicación restritiva de complementos específicos coma os de produtividade, sexenios, titoría... Moitos recordamos a pantomima co da exclusiva dedicación docente, hai xa ben anos. Ao final todos acaban cobrando o mesmo e o «máis ca min non» xa se ten convertido nun lema do funcionario.

Non se cre na avaliación do profesor porque nunca se fixo ben, e cando se intentou os axentes sociais e a inacción da Administración impediron que se aplicase. Segue entendéndose mal a autoridade, pois cando un docente, director ou inspector a exerce, por corresponderlle, é acusado axiña de autoritario ou ditador. A súa consideración de autoridade pública pouco máis serve que para asuntos administrativos, pois na realidade conta máis, por exemplo, a presión social dun grupo de pais de alumnos ou o especial interese en evitar a conflitividade e o efecto mediático.

Non ten sentido, xa que logo, tentar a implantación aquí dalgúns aspectos do sistema educativo doutros países considerados modélicos. En Finlandia, exemplo reiterado, os mestres gozan de absoluto respecto e prestixio e os pais manteñen un estreito contacto con eles. Existe unha rigorosa disciplina e autoridade, con fomento da educación e do respecto aos demais. A formación inicial dos docentes é moi rigorosa e selectiva e no exercicio da súa profesión son constantemente avaliados, mesmo polos propios compañeiros con máis experiencia.

Antes de tocar ás nóminas falta, polo tanto, moito camiño por andar. O papel dos Gobernos vai ser decisivo, pero tamén a evolución dunha sociedade que ten que madurar. Pensemos que o noso país ten trinta e pico anos de democracia e os que poñemos como modelos, varios centos deles.