Xavier Vence: «Hai que reinventar o nacionalismo para resintonizar coa xente moza»

Mario Beramendi Álvarez
Mario Beramendi SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 2016

XOÁN A. SOLER

O portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego aposta por abrir un debate «sereno e sen tabús» sobre o modelo organizativo e futuras alianzas

23 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Por vez primeira dende 1996 o BNG queda sen representación no Congreso e toca chan tras unha perda ininterrompida de apoio electoral dende o ano 2000.

-¿Agardaba vostede un retroceso desta envergadura?

-O resultado foi moito peor do previsto. Esperábase unha perda de apoio, pero non tanta, sobre todo polo esforzo feito pola candidatura, cunha campaña nova e creativa.

-¿A que cre que se debeu entón?

-Á dinámica política a nivel de Estado e á presión das televisións que apostaron por un panorama a catro, que creou un contexto no que as únicas opcións que se percibían con recorrido eran as estatais.

-Iso como factor alleo, pero os electores veñen dándolle as costas ao Bloque dende hai xa moito tempo. ¿Cales son os erros atribuíbles ao BNG e a Nós?

-É difícil sintetizar en poucas palabras un diagnóstico de por que se perdeu apoio social nestes últimos 15 anos. Houbo un equilibrio complexo entre tocar poder e ser alternativa, o que acabou provocando unha certa esquizofrenia no nacionalismo e na organización.

-¿Entón foi o bipartito unha experiencia negativa?

-Non, foi positiva, o que digo é que tivo un efecto de distorsión sobre unha base do proxecto que se movía en parámetros máis esquerdistas e máis radicais; a xestión dese equilibrio resultou complexa, e iso se plasmou nunha certa fragmentación do propio espazo nacionalista.

-¿Non cre vostede que a deriva soberanista do Bloque acelerou a perda de apoio social?

-Ao meu entender esa non é a principal causa. Puido parecer que o perfil soberanista predominaba, pero o certo e que nós fixemos un esforzo e un traballo nas institucións dándolle alternativas aos problemas dos recortes de servizos públicos e ao futuro de sectores estratéxicos. Estivemos moi pegados aos problemas do país e moi pouco axitando a bandeira soberanista.

-¿Pensou vostede en dimitir?

-Cando acontecen contratempos desta dimensión un pensa en todo. Pero non é o momento das decisións persoais, aínda que sexa o máis cómodo. A miña preocupación agora é iniciar un proceso de debate en asembleas abertas e encamiñar o proceso da asemblea nacional de marzo.

-¿Deixa o 20D ao Bloque como unha ferramenta xa amortizada para conducir un novo proceso?

-Eu parto da base de que a prioridade ten que ser a preservación do proxecto nacionalista; para que iso teña respaldo é a organización a que ten que acomodarse ao obxectivo. Por tanto, non exclúo ningunha opción.

-¿Crear incluso un novo partido?

-Hai que reinventar o nacionalismo galego para atraer á xente moza, resintonizar con ela; temos dificultades para conectar coa xente nova nas cidades; de como fagamos iso é do que se vai falar agora; temos que abrir un debate sereno e sen tabús, falar de todo o que sexa necesario. Tamén hai que lembrar o recoñecemento que hai do BNG e do seu papel positivo, algo que transcende a súa base social e aos seus votantes. Se non houbera Bloque, habería que inventalo. E isto llo teño escoitado a xente que vota ao PP.

-¿Puido ser un erro agochar a marca do BNG nestas eleccións?

-É certo que polo esforzo feito para chegar a unha candidatura de unidade tivemos logo pouco tempo, pero non creo que iso tivera unha incidencia determinante no resultado.

-¿Por que fracasaron as negociacións coa Marea? Beiras dixo antonte que lle garantían ao BNG un grupo galego...

-Podemos non tivo ningún interés en que nós participáramos desa candidatura. E a negociación fracasou porque puxeron de inicio condicións inasumibles. Nós pensábamos que iso ía impedir formar grupo propio.

-Pero agora o van ter...

-Ímolo ver: unha cousa é un grupo propio dentro de Podemos, supeditado a súa estratexia, e outra que sexa un grupo parlamentar realmente independente. Hai cuestións que son chamativas.

-¿Como cales?

-Beiras dixo que estaba disposto a ser candidato se se daban unhas condicións, pero non encabezou ningunha lista. ¿Por que non se deron esas condicións?

-O actual nivel de apoio pon en entredito a presenza do BNG no Hórreo. ¿Pode precipitar isto un desexo nas bases para confluír coa Marea como único camiño de salvación?

-Os resultados das xerais non son estritamente extrapolables. Estamos ante un escenario que compre avaliar con todo o realismo necesario porque é un equilibrio complexo. Eu teño claro que o proxecto nacionalista ten que ter unha voz propia e un espazo propio, pero sen poñer en risco este principio haberá que reflexionar sobre as alianzas para ensanchar a base electoral.

-¿E por que agora podería valer o que non serviu para as xerais?

-No 20D hai unha razón clara: Podemos quería poñer como condición para a súa candidatura que figurase o seu nome nas papeletas; e xa digo que para nós era inasumible; a política de alianzas vai estar condicionada a que o proxecto nacionalista non quede solapado por unha confluencia, ten que preservar a súa autonomía.