Ana Pontón: «Temos moi claro que o BNG non vai ser nunca a muleta de Podemos»

Carlos Punzón
carlos punzón SANTIAGO / LA VOZ

ELECCIONES 2016

Carlos Punzón

A líder do Bloque augura que este vai ser clave na formación do novo Goberno da Xunta e para derrotar ao PP

01 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A idea central ata as eleccións galegas é que o BNG vai ser clave para formar o próximo Goberno da Xunta. Ana Pontón (Sarria, 1977) asegura que coa súa elección como portavoz nacional o Bloque comezou unha refundación e renovación que abre a porta «a todos os que sintan o pais». Compromiso por Galicia foi a primeira convidada a pasar e Anova é considerada invitada de por vida, pero Pontón estima que está «fagocitada» e «referenciada a unha forza política estatal», e o Bloque por aí non pasa.

-Pouca autocrítica houbo no BNG pese os seus malos resultados.

-O BNG é unha organización autocrítica, vai no noso ADN e o nacionalismo xa fixo unha reflexión en profundidade na pasada asemblea nacional na que iniciamos unha nova etapa que non deu tempo a verificar. Pero nestas eleccións si houbo contextos electorais que incidiron.

-O domingo deu a entender que as eleccións galegas si son as do BNG e as xerais... Pero o Bloque chegou a ter un 18 % dos votos nas xerais e agora non chega o 3.

-Estar mirando sempre polo retrovisor impídeche mirar cara adiante. As dinámicas dunhas xerais e unhas galegas son totalmente diferentes, e estou convencida de que no escenario que se vai abrir nas galegas o BNG vai ser imprescindible para derrotar ao PP. Imos ser a clave desa derrota de Feijoo.

-Pero agora o BNG é unha forza de 44.000 votos.

-O BNG é unha forza que tivo un mal resultado, pero é unha forza política con 40 anos de historia, unha organización implantada en todo o territorio, con moitos concelleiros, miles de militantes... O BNG non é o resultado dunhas eleccións, e temos un reto moi importante nas vindeiras eleccións que afrontamos desde xa. Imos ser a clave.

-¿A bisagra do próximo Goberno?

-Non. Quero dicir que hai un espazo sociolóxico e electoral do nacionalismo que é a alternativa de futuro.

-Cos resultados do 26J non terían entrado no Parlamento galego.

-Houbo momentos complexos para o nacionalismo nos que estaba fóra do Congreso e tiña grupo parlamentario en Galiza. Non se repiten as dinámicas. Hai moitas persoas que non queren un proxecto deseñado desde Madrid e nós temos experiencia, solvencia e un proxecto para o pais, mentres que outros poden ter proxecto electoral, pero non político.

-¿Refírese a alguén en concreto?

-Non. Falo da nosa fortaleza.

-¿Pero queda sitio para o nacionalismo? En Cataluña e no País Vasco gañou Podemos.

-Hai espazo nacionalista en canto que existe o pobo galego. Galiza necesita capacidade de autogoberno real, porque a alternativa non vai vir de fóra xa que no deseño estatal Galiza cada vez se dilúe máis.

-¿En que momento está agora a refundación do BNG?

-É un proceso participativo que non prefixa obxectivos e abre as portas. Pero precisamos tempo e non precipitarse. Hai un cambio xeracional na dirección que é importante consolidar.

-Si, porque nas súas reunións vese moito pelo branco e calvas.

-Hai moita xente nova incorporándose. Pasou nas municipais, fomos os que tiñamos máis cabezas de lista de menores de trinta anos, pero non quero negar que un dos retos é ver como achegamos o nacionalismo á mocidade.

-¿Satisfaille que En Marea baixase en votos nas xerais?

-O que nos desgustou foi que PSOE e Podemos fixeran crecer á dereita coas súas estratexias. E, se un está fagocitado por unha forza política estatal, a súa política responderá a intereses estatais.

-Pero ver que tocaron teito...

-A min non me satisfai nin deixa de facelo o que lle pase a outras forzas políticas. Preocúpame que o PP suba en votos, non como baixan outros. Nós non nos confundimos de inimigo nunca.

-¿Explique como unha forza política como as mareas retrocede electoralmente onde goberna?

-Hai unha decepción coa xestión que están a facer eses gobernos municipais, pero non sei se tanto con esa xestión como que nesta campaña moitas persoas sentíronse decepcionadas porque viron que se lles estaba vendendo unha nova política que se esfumou enseguida: listas a dedo desde Madrid, loitas de poder internas... O que me doe e ver como desde En Marea se fai unha crítica moi rotunda contra o BNG.

-Eles quéixanse de que non teñen o apoio do BNG nesas cidades.

-Nós teriamos que queixarnos da oposición que nos están a facer en Pontevedra, onde si hai unha grande coalición de En Marea, PP e PSOE. Ata teñen reunións para facerlle oposición ao BNG no concello que ten transformado de maneira máis contundente un espazo urbano.

-Martiño Noriega di que seguen a esperar que o BNG mude e pacte con En Marea, pero mentres lles acusa de ter desmobilizado a esquerda social coa súa actitude.

-Hai xente máis obsesionada por criticar ao BNG que por construír alternativas ao PP. O BNG é unha forza política nacionalista sen centros de decisión en Madrid, mentres outros están fagocitados por Podemos.

-Acaba de propor a Compromiso por Galicia unha alianza. ¿Vai dialogar con outros partidos?

-Isto non consiste en premer agora o botón do diálogo ou de activalo cara a unha convocatoria electoral, é un proceso permanente de diálogo e as portas están abertas.

-¿Vai chamar a Anova?

-Dixemos desde o principio con toda claridade que estamos por unha candidatura que una a todas as persoas nacionalistas que sentan o pais e queiran forzas propias do país. Esa oferta foi transmitida a todo o mundo, pero non ten sentido insistir cando hai un espazo que parece está consolidado e referenciado a unha forza política estatal. Temos claro que o BNG non vai ser nunca a muleta de Podemos.

-¿Pero chamará á súa porta?

-¿Cantas veces llo digo? Os espazos políticos e as mensaxes son diferentes, viuse que as súas referencias, discursos e líderes son estatais, como no PP e o PSOE.