Adelino José Pose: «O obxectivo é que o acosador se vexa apartado polos seus compañeiros»

EXTRA VOZ

SANDRA ALONSO

O instituto é un dos principais escenarios do acoso escolar. O presidente dos directores galegos lembra o labor voluntario que fan moitos profesores e aposta por la educación e a prevención como única saída para evitar que os agresores sexan apoiados co silencio dos seus compañeiros

07 feb 2016 . Actualizado a las 15:03 h.

Adelino Pose é director do instituto Xulián Magariños, de Negreira. Ademais, preside a Asociación de Directores e Directivos de Institutos Públicos de Galicia, un colectivo moi sensibilizado co tema do acoso, que afecta especialmente aos alumnos nese tramo de idade. 

-O acoso é un tema terrible que fixo e fai sufrir a moitos nenos e adolescentes. ¿Hai agora máis casos que antes ou só estamos máis sensibilizados?

-Agora quizais  toda a sociedade está máis sensibilizada sobre estes problemas. Ao mellor antes os había, pero pasaban máis desapercibidos. 

-¿A educación está no fondo de todo isto?

-Si, nós cremos sobre todo na prevención e na educación para loitar contra o acoso. É un tema que imos tratar no congreso de directores que celebraremos no mes de abril. Existe un protocolo moi claro, pero nos preocupa a dificultade que temos para que nos chegue a información cando se dan casos de este tipo, porque se os collemos a tempo sempre se poden adoptar as medidas necesarias. No último caso que ocorreu en Madrid nin sequera os pais estaban enterados. O malo é cando o acosador ou a acosadora ten forza. O acosado xa bastante ten con estar acosado como para darnos a información. É moi importante ter en conta que a vítima está nunha clase con alumnos; se te fixas, despois de que ocorra un suceso aparece xente que o sabía. 

-¿Como se loita contra ese silencio?

-A palabra chivato está moi mal vista. Estamos intentando utilizar algunhas ferramentas, ás veces organizativas, como pode ser un buzón nun lugar discreto (porque hai que manter o anonimato), ou ben un correo electrónico na páxina web do centro... Nalgúns centros estamos traballando a educación emocional, e as asembleas de aula nos axudan moito. Un alumno é o moderador e ten un bastón no que día a día vanse metendo críticas, felicitacións, propostas de forma anónima. Nestas idades case lle fan mais caso aos compañeiros que aos pais. O obxectivo é que, polo menos, os que acosan se vexan un pouco apartados polos seus compañeiros; e, ao mesmo tempo, que os acosados e acosadas se vexan un pouco respaldados.

-Hai quen di que os profesores teñen que estar máis pendentes. 

-Nós, como profesores e profesoras, temos que ter a vertente de previr isto dalgunha maneira, porque despois, cando o feito do acoso esta moi consolidado, a prevención pasa a ser sanción. Creo que as medidas preventivas e educativas poden axudar a solucionar boa parte dos casos, aínda que non todos. 

-¿Os centros están presionados con toda a expectación mediática que levantan os casos de acoso?

-Na prensa, como é natural, saen os casos máis duros, pero non sae todo o traballo diario que están a facer os profesores nas aulas para que a convivencia mellore. As veces iso non é apreciado polos pais e nais, pero, en xeral, o clima da convivencia nos institutos públicos é bo en Galicia. Oxalá que non ocorreran casos puntuais, pero a veces é inevitable.

-¿Hai apoio para as iniciativas en contra do acoso?

-Desde os centros estamos facendo un labor voluntario, pero aínda nos queda moito que andar. Fai falta máis respaldo da Administración, que está pendente do protocolo e dos papeis que do labor diario que hai que facer nas aulas.