Aqueles curas (II)

POR SIRO FERROL

FERROL

siro

15 abr 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

Cando o Concilio Vaticano II recoñeceu a importancia da tradición musical na vida relixiosa de certas comunidades e animou a axeitar o culto á súa idiosincrasia, apareceron a misa criolla, a misa flamenca, e outras misas folclóricas, de gran calidade musical as máis delas. Pero xurdiu tamén outro fenómeno novo: o dos relixiosos cantores, que empezou con sor Sonrisa, a monxa belga que ocupou moitas semanas o primeiro lugar das listas de éxito en Europa e América coa canción Dominique. ¿Que ferrolán ou ferrolá maior de sesenta anos non cantaruxou algunha vez Dominique nique nique s?en allait tout simplement?, aínda que a deixase en Dominique nique nique la la la, la la la la??

En España o maior éxito tivérono dous grupos: Las monjitas del jeep, co aleluia Una estrella en el cielo, que, polo éxtase que se adiviña nas intérpretes, semella gravado nas nubes, a catro pasos da porta celestial; e Los 4 de Asís, xoves franciscanos que se presentaron coa versión española de Blowing in the wind, de Bob Dylan. Os dous grupos duraron pouco, a Deus grazas.

En Ferrol, música e liturxia seguiron unidas pola tradición coral que identificou a nosa cidade, polo bo facer da Polifónica de Bazán, creada e dirixida por don Manuel Pérez Fanego, de quen se cumpriu o pasado ano o centenario do seu nacemento no esquezo máis absoluto. Xavier, o sobriño, compuxo os Salmos para a nosa terra, que a Polifónica grabou no 1971.

Sen dúbida a música, ademais de arrequecer o culto, pode levar a mocidade aos templos, pero en Ferrol houbo curas que o conseguiron co seu exemplo de verdadeiros cristiáns. Penso no labor de Gabriel Vázquez Seijas en Canido, de Bernando Cendán en Ferrol Vello, De Chao Rego en Santamariña, de Cuco Ruiz de Cortázar en Caranza? Cuco, que morreu dunha hepatite por doar sangue sen garantías sanitarias, e puido morrer antes, cando os chamados guerrilleros de Cristo Rey lle fenderon a cabeza cunha barra de ferro, en Madrid, mentres protexía ao cardenal Tarancón.

No ano 1953 o ferrolán don Gabriel Pita da Veiga chegou a Esteiro para se facer cargo da recén creada parroquia de As Angustias, e acadou o respecto e o afecto de todos os veciños, crentes ou non; como antes sucedera en Mondoñedo, Guitiriz e Vilalba. En Esteiro dicíase que don Gabriel daba todo aos pobres e que nin sequera tiña roupa interior. Pode que fose certo porque en Vilalba levaba unha sotana tan raída que os fegreses fixeron unha colecta para mercarlle outra. Déronlle os cartos, e don Gabriel repartiunos entre os máis necesitados.

Don Gabriel falaba moito co meu profesor de francés, Arsenio Espilla, pai de Álvaro, o da desaparecida librería Helios, que vivía nun baixo da rúa Carlos III, fronte á igrexa parroquial. Espilla era un vello republicán, ateo militante e absolutamente anticlerical, pero don Gabriel escoitaba os seus argumentos en contra da existencia de Deus, e respondíalle: Claro, pero como yo tengo fe?. Se lle daban un puro, don Gabriel leváballo a Espilla, para abraio de Navarrete, o barbeiro gordísimo, católico e franquista, que pasaba a vida na ventá do baixo contigo.

Contáronme que cando don Gabriel estaba en Vilalba, ía sempre ao seu carón o Tucho, un rapaz con vocación sacerdotal que aspiraba a ser coma el. O Tucho é hoxe don Antonio Rouco Varela, e paréceme que non conseguiu a súa arela.

siro@siroartista.com