A lóxica do «disparate»

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

FERROL

22 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Tirei moito de anécdota nas aulas. Un recurso azoso que axuda a visualizar e humanizar a personaxes e mesmo épocas históricas. Pero anécdotas e exemplos agochan un diaño especial de contaxio. Unha certa translatio como se do corpo do Apóstolo se tratara. Nos exames de coñecementos os despropósitos teñen unha lóxica que se me escapa. De súpeto Mozart era un músico xordo. Se non era xordo, daquela era cego. Mozart morreu novo, certo, logo moitos músicos morren cedo. Seguramente esa translatio de fenómenos lutuosos obedeza a unha lei escura. Escritores tolos hai moitos. Tamén os dados á bebida. Torrente Ballester temía precisamente quedar nos exames escolares coma un borrachuzas. O de quedar como manco de Lepanto xa non lle importaba tanto, pero non se decidía pola man que lle tiña que quedar mancada. Os políticos, e os que non o son, postos riba dun púlpito semellan cativos diante dun exame. Sofren o síndrome do «disparate». Moitas veces con consecuencias sociais graves. Lin que dunha Cataluña independente desaparecería o cancro. Os homes estamos deseñados para, se hai necesidade, crer o que nos boten. Nas noites de verán o Apóstolo Santiago montado no seu cabalo branco cruzaba voando polo monte Pajariel do meu pobo. Coñecíase que era o Apóstolo polo cabalo. De noite non podía ser outro. Aínda así un crego na misa de doce predicou que o do cabalo era Franco. Volvía do Pazo de Meirás. ¿O Caudillo a cabalo polo Pajariel? Non cadraba. Franco era máis de coche.