«Canido é un barrio singular»

FERROL CIUDAD

j. pardo< / span>

A asociación busca abrirse á cidadanía e propón sendas peonís, carril bici e camiños seguros

25 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Roberto Taboada Fernández (Vigo, 1969), un «venideiro» que reside en Canido dende 2012, é o novo presidente veciñal do barrio de moda de Ferrol. Empregado público e xestor cultural no seu tempo libre, decidiu pasar dos comentarios a pé de rúa a tentar levar á práctica esas reivindicacións. Durante os dous vindeiros anos tratará de abrir a asociación á cidadanía e a todos os segmentos de idade.

-¿Por que decide dar o paso?

-O grupo de xente que nos presentamos nos coñecemos da escola dos nenos, van todos ao Cruceiro de Canido, e os nosos encontros trascenderon diso e compartimos amizade. Vivimos moito o barrio e compartíamos esa inquedanza por facer cousas. Parte desta directiva foino tamén da ANPA. Quedou este espazo e vimos a oportunidade. E contamos con moitas complicidades no barrio. Está a Asociación Cultural Muíño do Vento, que é moi dinámica e activa, e foron eles os que provocaron este paso adiante.

-Canido é un barrio que imprime carácter...

-Si, e a xente que non somos ou non nacimos de Canido nos sentimos tamén de Canido. É un barrio moi acolledor, é moi singular. Combina ese aspecto periurbano ou casi rural por unha banda e un aspecto máis cosmopolita, máis urbano, con todas as familias que chegaron de xente nova con fillos. Hai varios Canidos: o matutino da xente maior que vai á compra e aos recados; o de tarde, máis cheo de rapazada xogando nos parques; e logo un Canido de noite sobre todo as fins de semana que ten unha actividade certamente interesante.

-¿O Soho ferrolán?

-Non sei se Soho ou non, pero é un barrio interesante, porque hai moitas posibilidades de facer cousas. É un barrio cunha medida recollida, non chega a 5.000 veciños, ten un territorio que combina o urbano co rural, un centro cívico por poñer en activo... Dende o investimento do Urban tivo un lavado de cara moi importante e hai traballar para melloralo.

-¿Que lle falta?

-Canido ten que reforzar a súa identidade. Traballar coa vecindade é moi importante. E ideas que podemos ter son sendas peonís para recuperar, un paseo por Celso Emilio Ferreiro, carril bici, pasos de peóns, a ocupación das beirarrúas, zonas máis humanas, camiños seguros para a rapazada...

-¿Que partido lle van sacar ao centro cívico?

-O centro cívico é fundamental para o desenvolvemento da actividade dunha asociación veciñal. Pode ser ese punto dinamizador e neurálxico do barrio. Agora mesmo non está ocupado e unha das nosas prioridades é activalo. Nós temos cedidos un par de espazos, pero ten carencias grandes que hai que subsanar antes de poñelo en marcha. É un edificio que está moi ben, unha construción que aproveita moitísimo a luz, diáfano, non ten barreiras arquitectónicas... É un sitio chulo, un luxo telo aí. O que é unha tristeza é que estea dende agosto do 2014 recepcionado e aínda estea sen poñer en marcha.

-¿Que falta?

-Faltan cousas fundamentais: a posta en marcha do ambigú e a dotación de servizos. Agora mesmo non ten calefacción nin conexión a Internet, e iso limita moito o labor de calquera entidade que o queira usar. De feito, nós temos un aula de informática que funciona moi ben que non é posible trasladala ao pola carencia de conexión.

-¿Que lles gustaría que se fixese co chalé de Canido?

-O ideal sería que a Deputación puxese aí unha delegación e que o resto do espazo se dedicar a usos sociais. O Concello podería ter tamén unha unidade de asistencia social. Incluso tirar parte do muro e ampliar o parque. Ogallá que as conversas entre a Deputación e o Concello cheguen a bo porto. Hai outros edificios que tamén deberíamos pensar neles, como o da Mariña que está na praza de Canido. Hai que esixir aos seus propietarios unha rehabilitación e unha definición de usos. O mesmo toda a parte do Sánchez Aguilera. O estado actual mete medo. Hai un xardín de moito interese dentro, que é unha pena que a cidadanía non poida acceder a el dadas as circunstancias, pero igual si que se pode plantexar un proxecto de recuperación e que sexa o parque de Canido.