Primarias

Eva M. Montero O BAÚL

FERROL CIUDAD

21 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O21 de maio a militancia do PSOE deberá decidir quen quere que ostente a Secretaría Xeral. E a agrupación ferrolá terá que situarse e elixir, segundo o meu punto de vista, entre un modelo baseado nunha militancia activa, na rexeneración política e na volta a unha esquerda que nestes tempos semella estar esquecida, ou o de manter o «establishment» (aparato) e seguir navegando cara a deriva ideolóxica da dereita.

Hai quen nestes lares di defender unha opción, a de Susana Díaz, aducindo unha razón con trampa: que é muller.

E digo trampa porque, aínda que coincido en reclamar a igualdade e que as mulleres rachen o teito de cristal, creo que non é o caso no que se atopa a candidata a SG. De feito, botando unha ollada ao seu CV, a súa vida profesional está vinculada case en exclusiva ao desempeño de cargos públicos, ou sexa, remunerados, por parte de institucións ás que accedeu en representación do partido que agora aspira a dirixir. Polo tanto, entendo que poda ser un elemento a ter en conta, pero nunca concluínte. E menos no seu caso.

A maiores, expoño unha dúbida: as persoas que en Ferrol apostan por Díaz por ser muller tamén o farían por outras colegas de dentro e fóra da nosa zona? E, vou máis aló. Susana Díaz, como andaluza de pro, defenderá en igualdade os intereses de territorios, como Ferrol, que compiten directamente cos do seu feudo, digamos por exemplo, Navantia ou a Armada?

Por estas razóns, sumadas a unha necesidade de catarse do Partido Socialista, dun regreso aos valores máis puros da esquerda e por coherencia, o meu aval e voto serán para Pedro Sánchez.