«?Desconhecido? é a historia dunha vida rebelde e valente»

FERROL CIUDAD

Berlai mestura música e cómic no seu primeiro traballo, que mañá presenta en Esteiro

11 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá, venres • Fundaçom Artabria (Esteiro) • 22.00 horas • 5 euros •

Berlai, a banda liderada por Xiao Berlai, que formou parte de Fía na Roca, desembarcará mañá na Fundaçom Artabria de Esteiro co seu primeiro traballo, no que mestura música e banda deseñada. A través dun cedé e dun cómic ilustrado por Ernesto G. Torterolo, Desconhecido narra a historia de «tolemia e amor» de Alfonso, o tío avó de Berlai. No concerto, o músico compostelán se meterá na súa pel para presentar cada unha das cancións e, mentres as interpreta, Torterolo fará un debuxo en directo por cada unha delas.

 -Que foi o que o levou a musicar a historia do seu tío avó?

-Todo xurdiu dunha maneira natural. Xusto despois da súa morte, cando cheguei á casa despois de estar no tanatorio, sentín as gañas de escribirlle unha canción, porque el foi unha persoa cunha vida fóra do normal. Non pensaba facer nada máis con esa canción, pero catro anos máis tarde, revisándoa, vin que a súa historia daba para moito máis, para un disco enteiro.

-Por que foi tan especial a vida de Alfonso?

-Para min, sempre foi unha personaxe misteriosa, cunha maneira de vivir moi atraínte. El criouse no rural, nunha casa rica, e sendo mozo a súa familia obrigoulle a renunciar a un amor que tiña porque non era de boa casa como el. A partir de ese momento, Alfonso tomou unha decisión vital, que foi vivir como un ermitaño, algo así como Man, o alemán de Camelle. Para min, foi unha persoa que podendo vivir con máis comodidades e dun xeito máis burgués, optou por vivir dun xeito diferente, só, porque non lle deixaron vivir como el quería. Desconhecido é a historia dunha vida rebelde e valente.

-No disco vostede compara Galicia co Far West...

-Pois si. Primeiro porque penso que hai un paralelismo entre Alfonso e o apache da reserva. E logo tamén por ese mundo rururbano que é Galicia e que xoga a dúas bandas: nin é o rural bucólico nin o urbano deshumanizado, senón que é un lugar no que no medio dunha cidade galega podes encontrar unha leira de verzas e, no medio do rural, un campo de millo co típico somier como cancela ou cun balizamento policial.

-Como xurdiu a idea de acompañar as cancións cun cómic ilustrado?

-Eu sempre pensei neste traballo como un disco conceptual, no que se contaba unha historia, e neste senso, pareceume interesante que a xente puidese «ler» esa historia, ademais de escoitala en cancións. Foi entón cando contactei con Ernesto. A primeira idea foi facer un álbum ilustrado, cun ou dous debuxos por cada canción, pero despois, dunha maneira un tanto orgánica, vimos necesario contar a historia a través dun cómic, da banda deseñada, porque dese xeito había moito máis espazo para a narración. O resultado é un cómic que se pode ler e oír... Ou un disco que se pode ler e oír, segundo se mire.