«Os coristas foron os que mantiveron vivo sempre o Real Coro Toxos e Froles»

Ramón Loureiro Calvo
ramón loureiro FERROL / LA VOZ

FERROL CIUDAD

JOSÉ PARDO

O presidente do coro tradicional decano de Galicia, Arturo Lamas, reivindica a súa historia centenaria

23 may 2017 . Actualizado a las 00:02 h.

Arturo Lamas, gaiteiro e presidente do Real Coro Toxos e Froles, leva a maior parte da súa vida (agora ten 44 anos) vencellado ao decano dos coros tradicionais galegos. Un coro que agora cumpre, á súa vez, 102 anos, e que se prepara estes días para celebrar o centenario do acto de entrega da súa primeira bandeira. Unha bandeira que, por certo, aínda conserva, e á que se lle renderá tributo no Jofre, no festival deste sábado, día 27. Todo un acontecemento. E non só para a cidade de Ferrol, senón para Galicia enteira. Porque poucas cousas hai máis certas que iso de que onde está o Toxos... está Galicia sempre. Pola parte do corazón, fundamentalmente.

-Longa viaxe, a que fixo o Toxos a través do tempo...

-Moi longa. Pero sobreviviu a todas as dificultades, e aquí está. E se puido sobrevivir a todo foi, na miña opinión, porque os coristas foron os que mantiveron sempre vivo o Real Coro Toxos e Froles. E non digo que non houbese outra xente que teña moitísimo mérito tamén, pero o que eu creo é que o coro non tería chegado ata os nosos días se non fose porque sempre estiveron manténdoo en pé os coristas.

-En 102 anos a historia dunha entidade coma a súa tivo que pasar por circunstancias moi distintas...

-Por suposto. Houbo momentos bos e momentos malos, e incluso circunstancias históricas tremendamente difíciles. Ninguén debería esquecer que o Toxos e Froles traballou sen parar pola cultura galega e pola nosa lingua en tempos nos que, polas circunstancias políticas, moi poucos o facían.

-¿Ten vostede a impresión de que o labor do Toxos ao longo da súa historia non está suficientemente valorado?

-O certo é que hai cousas que ás veces non se valoran. É triste, pero é así. E quizais o que é o Toxos, o que é e o que representa, se valora máis, ás veces, fóra que aquí. Non hai que ver máis que a maneira na que foi acollido o Toxos, polas comunidades galegas do exterior, sempre que viaxou a outros países. Cando os galegos que están lonxe escoitan cantar ao coro, senten a Galicia máis cerca.

-¿E que futuro lle agarda ao Toxos?

-Home, ninguén pode saber que é o que vai acontecer no futuro. Pero o que si podo dicir é que neste momento, e grazas ás nosas escolas, son moi optimista con respecto ao futuro da institución. O certo é que nós sempre tivemos clarísimo que as escolas eran algo moi importante para o Toxos, que había que potencialas. E as circunstancias estannos a dar a razón.

-¿Ata que punto valora hoxe a sociedade galega as raíces da súa cultura?

-Pois con respecto a iso hai de todo, tamén. Por desgraza, hai unha parte importante que no lle dá valor. Pero outra, si. E a cultura di quen somos de verdade.