A Viveiro en tren

Eduardo Fra Molinero CAVE CANEM

MOECHE

15 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

As paisaxes de Ferrol a Viveiro séguenme parecendo un espectáculo: O val de Moeche no fondo ben gardado por San Vicente da Ferreira. A baixada temeraria a Ponte Mera. Cruzar polo medio da chaira de auga da ría de Ortigueira, na volta era pleamar e a tarde choiventa quitaba luces de estano vello. As tres pontes elegantes na ría do Barqueiro coas casiñas de xoguete no fondo. A ampla volta que da a vía para entrar en Viveiro.

Baixamos no apeadeiro riba de San Francisco. O ábside gótico é un dos máis elegantes que teño visto en Galicia. Alomenos para mín, nesa hora crítica de antes de comer. Viveiro ten abondo argumentos gastronómicos. Xa teño comentado a gozosa repostería desta vila: Os «xesuitas» sempre sorprenden. Faláronme dun pastel que se chama «lingua de bispo». Non sei dicir de qué vai porque é de encarga.

A cidade foi das afoutadas fronte ó poder feudal dos bispos. Pero penso que o pastel non pode ser recordo daquelas liortas.

Na regreso tamén en tren subían estudantes. Se o tren cumpre co horario hai enlace para Coruña e de Coruña a outras vilas. Pareceume un país serio. Vin pintadas nun apeadeiro: Fóra OTAN. Fóra UE. Fóra... «outra cousa» que quedou tapada por un cartel de festas patronais. As pintadas son vellas. Aí seguen respectadas pola preguiza e indiferencia. Pensei: ¿Que sería do reino de España nestes tempos «lacerantes» sen o paraugas da UE e da OTAN? O do paraugas saíume pois caía unha chaparrada furiosa. O treíño subía con esforzo pola Cuqueira.