Moeche dálle un pulo á Feira do Queixo

a. f. c. MOECHE / LA VOZ

MOECHE

c. toimil

O Concello pretende fomentar a cultura deste produto, nunha cita á que acudirán vinte queixerías

25 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Moeche dálle un pulo á Feira do Queixo neste segundo ano, cos obxectivos de dinamizar o recinto feiral e promocionar o queixo deste municipio e da comarca, e fomentar a cultura en torno a este produto, «porque aparte de ser atractivo, detrás hai explotacións gandeiras, mestres queixeiros e fábricas», subliña a alcaldesa, a nacionalista Beatriz Bascoy. Das 12 queixerías da primeira edición, este ano pasan a 20 -das marcas da zona, do resto de Galicia, Asturias, Zamora e unha representación internacional, de Francia, Italia e Suiza-, máis catro postos de pan e tres de mel. Quen se achegue mañá ao recinto descubrirá produtos innovadores, coma o queixo tipo torta, o de leite de vaca jersey, o de chourizo ou o afumado (a última creación da firma Lácteos de Moeche).

Trala presentación dos novos queixos galegos (12.15 horas), haberá una cata comentada por un mestre queixeiro (en dúas quendas de 20 prazas, a tres euros); e unha degustación de produtos internacionais. Ademais do segundo concurso de receitas (10.30), a feira ofrece música tradicional, con Encrucillada (13); maxia, con Charlangas (17); e un sorteo de produtos doados por Lácteos de Moeche, Queixos de Brigantia, as panadarías Santa Cruz e Miguel, e a Casa do Mel de Goente, que tamén aportarán as cestas para os gañadores do certame culinario. Bascoy eloxia a feira «como escaparate e promoción do queixo, do pan e tamén do Concello», e destaca a repercusión para a hostalería local (moitos servirán pinchos de queixo).

Viaxe en tren ata o recinto e visitas guiadas ao castelo

O Tren do Queixo, unha iniciativa do Concello de Moeche, con colaboración de Renfe, facilitará o acceso á feira desde Ferrol (con saída ás 10.45 horas), Narón e San Sadurniño. O Concello facilitará un autobús gratuíto para trasladar aos viaxeiros do apeadoiro á feira, e de volta (13.50 e 17.15 horas). A oferta complétase con dúas visitas guiadas ao castelo, ás 12.30 e ás 16 horas, con transporte en autocar desde a feira. A fortaleza reabrirá as súas portas mañá para todo o público, unha vez finalizadas as obras.

Tres talleres para os nenos

Os nenos poderán deseñar un mandil e un gorro de cociñeiro, no taller programada para as 11 horas; ou elaborar o seu biscoito de queixo, o doce do ratiño, a partir das 12. Quen gañará? O ratiño ou o queixiño? será o terceiro obradoiro infantil, ás 16 horas.