Moeche xa está listo para vivir a Feira do 23 de Abril, o seu día grande

LA VOZ MOECHE

MOECHE

JOSÉ PARDO

Nas probas ecuestres hai 223 inscritos, que levarán 5.000 euros en premios

21 abr 2023 . Actualizado a las 23:18 h.

Un camión-motobomba, dúas ambulancias, vinte voluntarios de Protección Civil (dos concellos de As Pontes, Valdoviño, San Sadurniño, Neda e Ortigueira), varias patrullas da Garda Civil (da zona e da Coruña), moitos veciños (que ceden terreos e poñen man de obra) e os membros do equipo de goberno. Son os integrantes do operativo loxístico e de seguridade montado polo Concello de Moeche para vivir o seu «día grande», como o define a alcaldesa, Beatriz Bascoy: «É o día do patrón, unha feira moi sentida e moi querida pola xente, nun municipio no que hai moita afección, na maioría das casas hai cabalos. Todo o mundo a sente como propia».

Coa organización levan meses, pero os últimos preparativos comezaron onte pola tarde, coa colocación das vallas (en total serán unhas 200 metálicas para delimitar as zonas de aparcamentos ou cortar accesos, e 170 para dividir os paseos da carreira), e seguirán todo o día de hoxe e mañá, desde ben cedo. Ás oito xa se empezará coa medición dos animais para os concursos (para os de máis de 1,50 metros de altura e para os de menos), que botarán a andar ás dez.

A rexedora agradece a colaboración da veciñanza e de integrantes de anteriores directivas da Asociación Ecuestre 23 de Abril. Como explica Bascoy, o colectivo está ultimando a tramitación do cambio de directiva. «Por iso tivo que asumir o Concello a organización. Damos a benvida aos novos membros do colectivo e esperamos que retomen a feira a partir do ano que vén», sinala. En Moeche, o domingo, aparte das competicións ecuestres (o Concello repartirá 5.000 euros en premios), haberá postos de roupa, produtos frescos e elaborados, ferramentas, artigos para os cabalos, churrasco e polbo. «É un día de moita actividade para a hostalería local, que se reforza cos postos ambulantes», destaca a alcaldesa, pendente da previsión do tempo.

O espectáculo de danza Duende ecuestre será outra das citas do domingo en Moeche, a partir das cinco da tarde no pavillón polideportivo municipal. A entrada para asistir a esta actuación en beneficio da Asociación Española de Esclerose Lateral Amiotrófica custa 12 euros para os adultos e oito para nenos de cinco a oito anos, e é gratuíta para menores de ata cinco. As entradas pódense mercar o mesmo día nas instalacións. En Moeche xa está todo listo para o seu día grande.