Xosé Manuel Felpeto, escritor e actor: «A vida de Lola cabe nunha caixa de mistos, pero é feliz»

A. F. C. NARÓN / LA VOZ

NARÓN

CEDIDA

Leva case 14 anos no Aturuxo de Melpómene, de Narón, e vén de publicar a súa segunda novela, «Branco xiz tirando a negro», protagonizada por Lola e Martiño

08 ene 2024 . Actualizado a las 21:26 h.

Logo do éxito do seu primeiro libro, O pau de ferro, Xosé Manuel Felpeto Carballeira (Cabreiros, Xermade, 1961) vén de publicar Branco xiz tirando a negro, a súa segunda novela, de novo coa editorial Tristán, de Lugo. Viviu nas Pontes desde os 14 anos e volveu a Cabreiros cando se prexubilou, hai máis de dez. A súa vida laboral xirou arredor da electrónica e as telecomunicacións, e desde 1985 caeu nas redes do teatro. «Empecei nas Pontes, polas inquedanzas duns cantos artellamos un grupo, era unha época escura para o teatro [...]. Chegou un punto no que xa estaba todo feito e coñecín O Aturuxo de Melpómene, de Narón, con xente saída da escola de teatro local, un grupo moi ecléctico e moi creativo. Gústame a súa filosofía de traballo, e con eles busquei e atopei a felicidade do teatro, que empezaba a perder», conta. Leva cerca de catorce anos como actor.

Goza do teatro e devece pola escritura: «Non escribo por cartos, nunca pensei niso, escribo por pracer e porque o necesito. Estar coas miñas cavilacións e botar dúas ou tres horas diante do ordenador é unha terapia para min». Este cinéfilo queríase parece aos protagonistas daquelas escenas do cine clásico «diante da fiestra, coa máquina de escribir e a papeleira chea de papeis». E cumpriu aquel soño.

Comezou narrando a historia de Brais e da súa avoa, que transcorre na aldea. E esta vez buscou dúas personaxes, de antemán antagónicas, «un rapaz de 27 anos, Martiño, que nun momento moi crítico da súa vida, polas circunstancias que van pasando ao longo da novela, coñece a Lola, que anda polos 60». «El pertence a unha familia acomodada e leva toda a vida na capital, pode coñecer e viaxar... pero non é feliz. Chega a unha aldea de Galicia e atopa a esta muller», prosegue.

A Lola, di, «a vida cábelle nunha caixa de mistos». «Non tivo oportunidades —subliña o autor—, pero é feliz». Felpeto confesa que Martiño e Lola lle aportaron «moitísimo». Quizá por iso deixou o final tan aberto: «Son moi dado a irme a películas de suspense, case nunca sabes se vai haber segunda parte ou non... gústame que os lectores, que son os que mandan, saian pensando que lles pasaría a estes dous».