«Ortigueira tiña fame de festival»

ANA F. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

CEDIDA

Xurdiu en 1978, da man da Escola de Gaitas, e renaceu polo empuxe desta muller, que percibía a demanda social

09 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Festival Internacional do Mundo Celta naceu en 1978 e renaceu en 1995, da man de Loli Pérez (Cariño, 1958), animadora sociocultural do Concello de Ortigueira entre 1994 e 1998. Dende Fuerteventura, onde reside, lembra a primeira edición, a de 1978, -«chovía a mares»-, e os anos da universidade popular, «un punto de encontro cultural moi importante, pero que nunca tivo a repercusión do festival». O seu traballo como mestra de baile infantil en San Adrián, Espasante, Ortigueira ou O Barqueiro, e os actos que organizou no teatro, xuntando aos rapaces coa coral, a escola de gaitas ou a banda de música, levaron a que, en 1994, a contratara o Concello como animadora sociocultural.

«Aquel ano coordinei a edición da universidade popular, pero a xente seguía demandando o festival, tiña fame de festival... Claro que había detractores, porque realmente Ortigueira non estaba preparada para recibir tanta xente [nin hoxe], pero un sector moi importante si o pedía. E a min, que me encanta a música celta e que lles transmitín ese amor aos meus fillos... Falei co concelleiro de Cultura e co alcalde [o popular Jesús Varela], e aínda que vía o proxecto moi complicado, apostou por el», agradece.

Pero 1995 era ano de eleccións municipais e o festival non podía cadrar coa toma de posesión, polo que se retrasou ata a primeira fin de semana de agosto. «Arrisquei, pero ou se facía ese ano, ou non se facía», lembra. Non ía resultar doado, pero Loli entregouse «en corpo e alma». «Primeiro tiñamos que concienciar ao pobo de que ía haber un festival, de que estabamos noutra etapa, era 1995, había outras medidas de seguridade. Tiven moito apoio do subteniente da Garda Civil, don Santiago Abucide, e da Policía Local, Manuel e Picos», recorda.

«No 96 xa foi unha explosión»

Comezou por reunir a todos os empresarios locais no teatro, «e o 95 % responderon, con medo, si, pero con ilusión». «E Vicente, o dono de La Perla, puxo o hostal á nosa disposición, pese á miseria de diñeiro que tiñamos. Nós necesitabamos que certos sectores, coma o hostaleiro, se involucraran coa organización, porque había que dar comidas e bocadillos a moita xente das bandas, ao marxe da que ía encher as rúas». Naquel renacemento do Mundo Celta «o ambiente foi fantástico, non houbo un bum de xente, pero si máis que suficiente para saber que podía funcionar e, sobre todo, que os locais e as tendas, coas que tiñas que contar, xa se empezaron a mentalizar para o ano seguinte, e no 96 aquilo si que xa foi unha explosión».

Loli botou man do voluntariado, que xa fora clave nos inicios do festival, «xente coma María, Elixio, que xa estiveran na anterior etapa, rapaces para vender camisetas, para o desfile ou de apoio cos grupos, sen pagarlles nada». No núcleo duro da organización contou con Juan Cao e o técnico cultural Raúl Piñeiro, que faleceu hai tres anos. «Eramos os tres mosqueteiros».

 Un acto «para o pobo»

Desde o principio acordaron a gratuidade dos concertos. «Tiñamos que abrir as portas de Ortigueira ao mundo, ao exterior; cun presuposto moi pequeno [en torno aos 12 millóns das antigas pesetas, 72.000 euros de hoxe] traiamos músicos que non estaban de xira por Galicia, e nunca faltou a banda escocesa nin a bretoa, que non poden faltar, e só pagarlles os billetes era un custe enorme», conta. O desfile de bandas do domingo converteuse en tradición, «e iso é o máis importante para que algo sexa grande», chegando a ter 800 músicos marchando polas rúas, desde a praza do Concello, «de onde ten que saír, o centro, porque tes que facer un acto para o pobo».

No 95 xa crearon un acto inaugural [que se retomou o ano pasado], co izado de bandeiras das nacións celtas. «Ás doce da mañá tocaban as campás e empezaban a interpretar o Himno do Antigo Reino de Galicia... A xente choraba, cando ves que un acto emociona tes que continuar con el», remarca. E no 96 celebraron o primeiro congreso de mestres solistas, que durou doce días, «con clases de bodhran, percusión, gaita, concertos no teatro, animación na rúa». Moitos comían na súa casa, a tortilla ou as lentellas que preparaba súa nai, en San Adrián, e Budiño quedábase a durmir no faio, porque a organización non tiña cartos para afrontar eses gastos.

 «Só lles podo dar as grazas»

Na longa lista de agradecementos, Loli cita a «Fos e Marisela, que nos aguantaban pagándolles unha miseria, para que as cousas funcionaran». «Colaborou moita xente [e non pagaba a pena mirar a quen non o facía], Marías, Jaime... De todas as ideoloxías [...]. Traballabamos moitísimo, acababamos esgotados, pero as vivencias foron fantásticas. E o máis gratificante, cando subiu ao escenario a Escola de Gaitas, Bossa con todos os nenos; cando escoitei ao grupo [local] Ronsel tocando a muiñeira de Chantada e cando Bágoa da Raíña se estreou no festival. Para min era un orgullo que a nosa xente, que traballara tanto tempo e de maneira altruísta, subira ao escenario. Só lles podo dar as grazas».

 Ata o 99 axudoulle ao Concello na organización. E dende hai anos víveo na distancia, con emoción e algunha bágoa. «Non son só catro días ao ano, en Ortigueira ten que ser festival cada día do ano, porque somos o centro da cultura celta», reivindica. A artífice do renacer do Mundo Celta avoga pola creación «dunha asociación de amigos do festival, que involucre ao pobo, porque hai moita xente que quere o festival e hai que deixarlle que fale, que aporte ideas, que organice».