Chema de Couzadoiro, o home do tempo: «En só 34 días caeron mil litros, a metade da media que chove ao ano na comarca de Ortegal»

ANA F. CUBA ORTIGUEIRA / LA VOZ

ORTIGUEIRA

<span lang= gl >Chema, que vive con paixón a meteoroloxía, ao pé dun sensor de temperatura</span>
Chema, que vive con paixón a meteoroloxía, ao pé dun sensor de temperatura CEDIDA

José Manuel Sierra Pernas prevé frío para as próximas semanas e constata que o exceso de precipitación prexudica cultivos de inverno coma os grelos

18 nov 2023 . Actualizado a las 23:37 h.

Xa case leva unha década sendo para moitos o home do tempo de Ortegal. José Manuel Sierra Pernas, Chema (Couzadoiro, Ortigueira, 39 anos), comezou no 2014 a escribir do tempo na comarca, no blog E ti que fas no Ortegal?, e desde xuño de 2017 comparte as súas predicións meteorolóxicas no blog meteortegal.blogspot.com.es e na páxina de Facebook Meteo Ortegal, que xa é unha referencia na zona. Estudou Xeografía, devece polo tempo, en especial polos fenómenos adversos, vive da horta e acaba de ser pai por segunda vez.

—Como viviu tanta choiva?

—Deume moito xogo, aínda que a fin de semana do 4 e o 5, cando precipitou tanto, non o puiden vivir igual porque estaba no hospital, naceu a miña filla... Pero caeron mil litros por metro cadrado en 34 días, o que vén sendo a metade da media do que chove ao ano na comarca, que anda entre 1.600 e 2.000 litros. Nas zonas altas caeron mil e nas baixas non houbo moita diferenza, porque déronse bastantes situacións de chuvascos que cargaron máis na liña de costa... no val de Couzadoiro andamos polos 900 litros.

Récord de precipitacións?

—Outubro, como mes non, pero como outubro si, desde que hai rexistros na serra da Faladoira. En novembro de 2019 acumuláronse máis litros. Pero o destes 34 días (entre outubro e novembro) si é moi salientable, un episodio híper húmido pouco frecuente. No 19, entre novembro e decembro caeron mil litros, pero algo máis repartidos.

—Esta vez, sen moito frío...

—Todo foron entradas de oeste-suroeste e non arrastraron grandes masas de aire frío, houbo algún día de noroeste máis fresco, pero, en xeral, outubro quedou moi cálido polos primeiros 12 días, excepcionalmente cálidos, con récord absoluto de temperatura. Acadáronse os 30 graos na Faladoira, unha barbaridade non só para outubro... hai moitos anos que non se chega a iso nin na Faladoira nin nas zonas baixas da comarca, agás en Cedeira.

—Que significa todo isto?

—Isto define moi ben a variabilidade climática que pode existir dentro dun mes, a primeira quincena seca e híper cálida, e a segunda, normal en canto a temperatura e demasiado húmida, aínda aquí, onde estamos acostumados á choiva. Saturouse a terra, abriron as fontes e os ríos desbordáronse varias veces. Tamén hai que salientar que na nosa comarca non tivemos precipitacións tan constantes como para causar grandes inundacións, como si houbo en xaneiro. Quizá o vento foi o que máis fastidiou...

—E a partir de agora que?

—Temos un cambio de tendencia moi grande, os centros de acción cambian, o anticiclón tende a ser máis móbil e ascender cara ao norte. Iso vai provocar que a Europa cheguen masas de frío ártico e comecen as olas de frío. Probablemente a nós tamén nos empece a entrar algo de frío, con algo de precipitación, non moita, non está claro aínda cando nin como... Antes tiñamos a corrente en chorro que viña desde América atravesando todo o océano, facendo que se formaran grandes borrascas, e agora meandrizouse, e unhas veces pillaranos de norte, outras de leste ou oeste. Vai ser máis variable.

—Como afectou á horta?

—Non lle fai ben aos cultivos tanta auga, afúndeste nas terras, que están encharcadísimas. Os nabos que se botaron máis tarde quedan diminutos. Aínda que sexan cultivos de inverno adaptados á choiva, cando é moita... coa raíz anegada podrecen partes e non se desenrola igual a planta. Iso estalles pasando aos grelos.