San Sadurniño abre o escaparate anual arredor do mundo do agro

A. C. SAN SADURNIÑO

SAN SADURNIÑO

A exposición de viveiros e florerías situarase nunha carpa de dous mil metros cadradosArtesanía e alimentación complementan a oferta da vixésimo segunda edición dunha feira referente no eido agrícola, que mañá reunirá 46 postos ao pé do colexio público

29 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

? San Sadurniño volverá a abrir mañá o seu escaparate anual en torno ao mundo do agro. A Feira da Plantación naceu hai 22 anos, da man da asociación Bidueiro, e trala disolución do colectivo, hai un lustro, asumiu a organización o Concello. Hoxe é un referente no sector e mostra «o potencial agrícola da comarca», subliñan fontes municipais. Nesta edición participarán 46 expositores, catro máis que o ano pasado. Haberá sete postos de viveiros (de planta ornamental, forestal, etcétera) e florerías, que se situarán na carpa de dous mil metros cadrados montada ao pé do colexio público; 24 de venta de alimentación e 12 dedicados á artesanía, que se repartirán pola rúa paralela ao centro educativo e polo prado.

A iso sumaranse outras tres casetas, da agrupación Con Suma Conciencia, que informará das súas actividades e o grupo de consumo posto en marcha; de Sogama e do Concello, «para fomentar a recollida do lixo porta por porta, dar información turística e acoller as actividades para a rapazada», como explican desde a organización. Confían en que o tempo -podería caer algunha chuviscada- non reste afluencia á feira, que congrega cada ano a varios miles de persoas. O Concello lembra que «é unha escusa perfecta para achegarse a San Sadurniño a botar o día, coñecer o territorio ou gozar da boa mesa nalgún dos locais hostaleiros»; e aconsella reservar mesa, no caso dos restaurantes e mesóns máis próximos.