«O bosque máxico» promociona a Baixa Limia e Celanova

x. m. r. ourense / la voz

FIRMAS

Incentivar a economía, promocionar o turismo e fixar poboación son as metas

13 may 2012 . Actualizado a las 06:00 h.

O espazo xeográfico definido «como se nos eleváramos dende unha atalaia, sobre a citania de Castromao e trazando unha perspectiva dende o San Gregorio, zona dereita da Peneda e outra cara o Couto Mixto, no xacemento de Salas, ó fondo transcurre a Serra de Peneda-Xerés» constitúe o Bosque Máxico. Un emprazamento dentro do cal se irán amosando e desenvolvendo diferentes actuacións «ben sexan descubrimentos arqueolóxicos, acondicionamento de vieiros ou representacións fotográficas e audiovisuais».

O Bosque Máxico é un proxecto multidisciplinar promovido por un equipo formado por Toño Monteiro (escultor), Toni Álvarez (fotógrafo), David Pérez López (arqueólogo), José Antonio Fernández (deseñador e director creativo) e Andrés Álvarez que conta co apoio de Agader dende o GDR 16 (o Grupo de Desenvolvemento Rural que integra aos concellos de A Merca, Bande, Cartelle, Celanova, Entrimo, Gomesende, Lobeira, Lobios, Muíños, Padrenda, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea).

Do legado histórico a internet

Na memoria do proxecto fíxose un amplo traballo para recoller todas as potencialidades da zona dende o punto de vista das cualidades naturais, arqueolóxicas, etnográficas, fotovisuais e outros aspectos. Dos muíños aos vestixiosos dos antigos castelos, dos foxos dos lobos á flora e fauna do territorio que integra o Bosque Máxico e dos castros aos vellos camiños e vías de comunicación figuran na memoria do proxecto.

O punto de partida das actuacións para «a valorización integral do bosque sería a creación dun centro de interpretación-didáctico, onde se poderá plasmar toda a riqueza e iniciar as visitas aos lugares de interese do bosque máxico» e o equipo que lidera o proxecto conta cun amplo listado de actuacións a desenvolver no futuro (da limpeza de mámoas á recuperación de muíños, pasando polas rutas de sendeirismo ou a organización de concertos en plena natureza). Como primeiro paso xa se puxo en marcha a páxina web -www.obosquemaxico.com- e na mesma ofrécese unha completa información sobre rutas de senderismo, actividades, galerías fotográficas e outras propostas. Tamén están as bases do concurso de fotografía e vídeo e o premio Ouro Azul.