«Hai que previr como resolver o problema do tráfico no entorno»

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

FIRMAS

Advirte que a unificación de Infantil e Primaria complicará o acceso

12 ago 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

«Este ano imos estar apretados no Pérez Viondi e no José Antonio. É o que toca»

Leva cinco anos como director e nove como profesor de Primaria no colexio Pérez Viondi da Estrada. Estivo 14 en Moraña e, como docente, xa celebra as vodas de prata. Este ano terá vacacións a medias. As próximas obras de ampliación do centro non lle deixan desconectar nin a golpe de 8 de agosto.

-¿Que fai no colexio en pleno agosto?

-Vin abrirlle ó persoal da Consellería, que hoxe viña facer uns traballos porque estamos co traslado para deixar libre o edificio administrativo que se vai derrubar.

-Despois póñenlle mala fama ós mestres...

-Este ano foi así. Xa contaba con vir en agosto...

-¿Como van os traballos previos á construcción do novo edificio?

-O edificio de administración que se vai derrubar para gañar sitio para a nova construcción xa está baleiro. Fixémolo agora entre o colexio e o Concello para non facelo cos rapaces dentro. O material das dúas aulas de Infantil que estaban aquí xa se trasladou ó colexio José Antonio. Os despachos de administración e dirección están aquí no pasillo do Pérez Viondi. Xa temos a liña telefónica aquí e hoxe veñen poñer a conexión ADSL. Agora falta que vaian facer os tabiques para acoller no José Antonio as dúas aulas de Primaria.

-As aulas trasladáranse ó Pérez Viondi precisamente por falta de espacio no José Antonio ¿non van estar agora algo apretados?

-Van estar, pero era peor ter ós rapaces de Infantil no Pérez Viondi en plenas obras. Valorámolo, pero non coinciden os horarios cos de Primaria, habería que adaptar os aseos, inutilizar o salón de actos... Consultouse coa delegación provincial e decidiuse que o mellor era voltar a xuntar a todos os nenos de Infantil no José Antonio. Alí hai 7 aulas e hai que meter nove para acoller a 30 rapaces de 5 anos. Vaise dividir unha aula en dúas e crear outra na sala de profesores. Os mestres quedarán sin local. Psicomotricidade, que antes se facía nas aulas grandes, trasladarase para o pasillo, onde tamén xogan os rapaces nos recreos cando chove.

-No José Antonio toca apretarse e no Pérez Viondi haberá que convivir co po e co ruído...

-No Pérez Viondi tamén imos quedar xustos de todo. Do po e o ruído, xa dixo o conselleiro que sería difícil que as obras comezasen no verán, aínda que o ideal sería que polo menos os derrubes se fixesen antes de que comezase o curso. As empresas tamén preferían non andar cos rapaces polo medio, pero se non se empezaron as obras xa non creo que empecen antes do inicio do curso.

-A Consellería di que a adxudicación vai lenta porque hai que valorar a oferta de 68 empresas.

-Todos decían que era unha das obras máis apetitosas da administración.

-Coas obras no horizonte ¿que mensaxe lles daría ós pais dos nenos que van iniciar o curso?

-Que por moitas obras que se fagan non imos interrompir a actividade docente nin lectiva. O programa e os horarios manteranse con normalidade e imos implantar o programa Abalar en quinto de Primaria. Van vir traer o material agora no verán. O primeiro son as actividades lectivas, antes que ningunha obra. Cos traballos hai que ter un pouco de paciencia. É o que nos queda.

-¿Haberá patio suficiente no Pérez Viondi para os alumnos dos dous ciclos?

-Onde agora está a casa do conserxe estará o patio para Infantil, que será máis ou menos equivalente ó que teñen agora no José Antonio. Para Primaria queda o que tiñan, un pouco menguado. Ó non coincidir os recreos, os patios poderianse compartir. Haberá que ir vendo. De todos os xeitos, co PXOM habería posibilidade de ampliar as instalacións. Aquí non temos edificios arredor. Tamén se fala de construir unha carretera que rodee o colexio pola parte de atrás, que dá á estrada de Ouzande. Estaría ben para desconxestionar a entrada. Iso é algo no que se debe pensar cando teñamos aquí Infantil e Primaria. Sería bo previr esas cuestións de tráfico e aparcamentos porque agora xa hai problemas aquí e no José Antonio e despois vaise montar unha gorda. Poderíase facer unha entrada por Bouza Brey e adaptar alí unha finca, pero iso non é cousa miña...

-Agora que vai haber máis sitio ¿que tal vai a matrícula?

-O próximo curso teremos 150 alumnos de Infantil e 350 de Primaria. A matrícula descendeu un pouco nos últimos tres anos.

«Por moitas obras que haxa non se vai interromper a actividade lectiva, que é o primeiro»

nombre o género cargo o tema