«Somos cinco galos nun galiñeiro, pero en Heredeiros hai sinceridade pura»

FUGAS

A primeira parada da «volta aos jaliñeiros» caeu nun clásico entre os clásicos, La Iguana de Vigo, con cheo garantido. Tonhito de Poi, guitarra e explorador ao seu xeito, explica por que esta é unha xira especial para a desmadrada banda do Barbanza, tres anos despois do seu retorno aos escenarios

21 nov 2015 . Actualizado a las 17:10 h.

Dalgún xeito, a sona de Heredeiros da Crus naceu nun cortello que a avoa de Tonhito tiña en Poi. Así que, logo de percorrer o mundo, separarse, arrexuntarse e seguir dándolle, chega o momento de volver ao galiñeiro. Menos festivais e máis salas de concertos.

-Para empezar, a Iguana.

-Nós tocamos aló, creo que polo 94, hai máis de vinte anos. O primeiro concerto poderoso da xira foi este.

-¿E como foi que saíu isto dos «jaliñeiros»?

-Xa sabes que nós empezamos a ensaiar no galiñeiro da miña avoa en Poi. O primeiro pub no que tocamos foi o Novecento, en Ribeira, de pé enriba dos amplis. Botamos dous anos nos pubs, logo fomos a Vigo, ao defuntiño Planta Baixa, á Iguana e de aí a Castrelos e xa sempre en sitios grandes. Agora temos a oportunidade de volver ás raíces, aos locais ateigados de xente cunha condensación que semella que rompese unha tubería e pinga o teito. Aí foi onde Heredeiros se criou, a forza saíu deses locais, queremos volver sentir iso para poder medrar, o contacto coa xente, iso foi o que nos fixo amar o rocanrol. Eu collín a guitarra por iso.

-Polo que se viu nestes tres anos, a xente responde.

-Volvemos coa intención de recoller, dalgún xeito, o que sementamos. Deixamos Heredeiros por esgotamento, levabamos moito tempo tocando e a vida nos grupos é moi intensa, vívese con tanta paixón que chega un momento no que necesitas descanso. Daquela era un desfase moi grande, sobrevivimos de milagre. Pero cando se achegaba o vinte aniversario vimos que había demanda grande, decidímonos e foi un estoupido. 

-Pois hai quen di que entre vós hai mal rollo.

-Iso é un mito. Somos cinco galos nun galiñeiro, e iso é duro de levar porque cada un ten o seu carácter, é do seu pai e da súa nai. Pero iso tamén é o éxito de Heredeiros, que cada un sexa un galo de pelexa. Ás veces saltan chispas, cando hai tensión hai tensión, e xa se tirou algunha guitarra ao chan. Pero iso únenos máis, en Heredeiros hai pura sinceridade, as cartas boca arriba. Se hai algo que non gusta, dise. Ninguén garda nada. E témonos un cariño e un respecto grandísimos. Todos somos conscientes da importancia dos demais.

-Sempre houbo proxectos en solitario. ¿Iso axuda?

-Eses proxectos son fundamentais, válvulas de escape e unha forma de nutrir ao grupo. Eu estou co segundo disco que gravei na selva, coas tribos coas que estiven. Chámase Non Hai Onde Esconderse e inclúe un documental, O Espertar da Anaconda. Logo de Superfama, Heredeiros temos outra canción, moi divertida, a historia dunha chavala que puxo o tanga do revés.

-O posto que máis mudou foi o de batería.

-Todos os grupos teñen o seu talón de Aquiles. Empezamos con Avelino, a única ave que tocaba a batería, logo viñeron Benito e Rocho, despois Medín, que asentou o estilo, e agora Manu, que é un Heredeiro a todos os efectos.

-Despois do de París, case é inevitable falar do medo.

-Se a xente fose consciente do terrible que é iso, que non hai onde esconderse nin un botón de off... Pero medo, nunca. Ter medo é un atraso.