Oliver Laxe: «Ás veces as películas é mellor sentilas»

FUGAS

Oliver Laxe, nun momento da filmación de «Mimosas» nas montañas do Atlas
Oliver Laxe, nun momento da filmación de «Mimosas» nas montañas do Atlas

O realizador galego Oliver Laxe, premiado xa dúas veces en Cannes, é autor dun cine arriscado, honesto e fondamente persoal, que entende como un acto de responsabilidade individual e colectiva, así como unha ferramenta de emancipación

27 may 2016 . Actualizado a las 22:39 h.

O cine arriscado, honesto e fondamente vital e persoal de Oliver Laxe (París, 1982) vén de ser recoñecido por segunda vez no Festival de Cannes: a primeira foi cando recibiu o premio Fipresci por Todos vós sodes capitáns, no 2010; seis anos despois, presentou no certame francés Mimosas, que foi recompensada polo Gran Premio da Semana da Crítica.

Oliver Laxe, o 17 de maio na presentación no Festival de Cannes do seu filme «Mimosas», premio da Semana da Crítica
Oliver Laxe, o 17 de maio na presentación no Festival de Cannes do seu filme «Mimosas», premio da Semana da Crítica Tristan Fewings / Getty Images

Son traballos dun director que, coma os da Nouvelle Vague, é consciente do peso do cine como historia, que dalgún xeito se incorpora ás súas cintas. Cine dentro do cine: Todos vós sodes capitáns parte da experiencia de Laxe nun obradoiro de películas con nenos en Tánxer, na que se asiste á relación destes meniños coa cámara e o que representa, a deles mesmos con Laxe, en calidade de personaxe e á vez de director, e co seu entorno a través do xesto de ollar por un visor. «Unha imaxe bonita non é unha imaxe bonita», explica o cineasta cun diagrama aos alumnos, e a advertencia paira sobre o filme.

Aínda que Laxe prefira non falar de si mesmo como cinéfilo, en Todos vós sodes capitáns está incorporada esa reflexión da imaxe especular, mesmo coas súas contradicións: a educación coa linguaxe visual convive coa intuición, a lectura cerebral tamén coa visceral. «Ás veces ás películas non hai que buscarlle sentido a todo, hai que sentilas, deixar que as imaxes penetren a un. Iso foi o maior logro», expuña o director dende Cannes, onde a relación cos axentes de vendas internacionais dos filmes validou a súa teoría a propósito de Mimosas: «Había xente que nos dicía: ?Non a entendemos pero encantounos?. Si que a entenderon, pero doutra maneira. Iso para min é o maior premio que me levo de Cannes».

O cine de Laxe tamén se relaciona intimamente co seu decurso biográfico. El mesmo di que Todos vós sodes capitáns non sería igual de non tela feito en Tánxer, onde se instalou á procura dunha relación vital máis comunicativa. Non foi unha escolla casual, na que tamén pesa un sentimento de estranxeiría, sen chegar ao desarraigo, que o director comparte con moitos outros fillos de emigrantes: non en van Tánxer foi durante moitos anos cidade internacional.

Laxe naceu en París, onde seus pais vivían na portaría dun edificio do distrito 16. O pai, natural da Terra Chá, cultivaba a súa afección pola fotografía en saídas de fin de semana e o pequeno Oliver vía como se pechaba no cuarto de baño para revelar. Con cinco ou seis anos veu nos Campos Elíseos a primeira película da que garda memoria, L?Ours, de Jean-Jacques Annaud. Aos oito, en 1990, regresou coa familia a Galicia, para instalarse na Coruña. E aí é posible datar a fenda: por dicilo ao xeito do cineasta, perdeu todo lazo de unión cun territorio. Houbo outra perda: o seu pai deixou de súpeto o seu hábito fotográfico. Mesmo tratou de aconsellar ao fillo que non se formase academicamente no eido da imaxe. Porén, Laxe estudou na Pompeu Fabra barcelonesa, antes de instalarse en Londres, onde no 2006 filmou, canda Enrique Aguilar, Y las chimeneas decidieron escapar, en 16 mm (pode atoparse en YouTube). Ao ano seguinte, xa en Tánxer, participou con Suenan las trompetas-ahora veo otra casa, como parte dunha película en homenaxe a Tarkovkski, un dos seus referentes xunto con Bresson. Ese mesmo ano rodou París #1, premiado en Filminho e Play-Doc. E logo chegou Todos vós sodes capitáns, e agora Mimosas.

Malia o evidente compromiso de Laxe co cine e a creación, o director tamén mantén os pés chantados na terra. «Como cineasta, como comunicador, tes un sentimento de responsabilidade, de servizo á comunidade», explica quen sostén que «o cine non é un deus, é unha ferramenta para ser mellores persoas». Ao igual que eses meniños tanxerinos, aos que trata como contemporáneos seus e non dende unha posición de alteridade, Laxe entende as películas como un xeito de coñecemento e, por tanto, de emancipación. A viaxe é un concepto decisivo no seu cine, e Mimosas participa dela no físico: unha caravana que percorre as montañas do Atlas. Laxe leva acariñando tempo outro proxecto, que define como «road movie psicodélica» dacabalo de Galicia, Francia e África: «Xa teño os guións escritos».