«Ler a Gloria é como xogar con ela»

FUGAS

PACO RODRÍGUEZ

A poeta Lupe Gómez, que vén de publicar «Camuflaxe», reivindica á Gloria da infancia. «É unha poeta que conectou con todos. Ela fixo a poesía máis democrática»

07 abr 2017 . Actualizado a las 13:03 h.

Aínda que ten moita Gloria pendente, Lupe Gómez (Fisteus, Curtis, 1972) reivindica á poeta que coñeceu na infancia. «A tele contribuíu a facer dela a poeta de todos, unha autora que non se limitaba a unha elite culta, refinada e sensible, senón que facía da poesía unha arte máis democrática», asegura Lupe. Vén de presentar o seu poemario Camuflaxe, unha homenaxe á nai. «Son poemas que reescribín cando morreu, hai catro anos, poemas que escribira e que se fixeron máis longos, máis caudalosos. O libro é unha ferida que, ao tempo, quere pechar unha ferida, e unha homenaxe ás mulleres da aldea, que fan un traballo case invisible e moi valioso». A recordos como vasos de viño tinto, tamén Lupe celebra os 100 anos de Gloria.

-Semella viva. ¿Aínda lles gusta Gloria Fuertes aos nenos de hoxe?

-Eu léolles os poemas de Gloria ás miñas sobriñas; é unha poesía que funciona moi ben, e a min gústame irlles descubrindo cousas que estimulen o seu desexo de ler. A poesía de Gloria sempre chega.

-Pero carga co peso do estereotipo...

-Si, pero é algo que nos pasa un pouco a todos. Sempre se nos clasifica en algo que nos limita. Tenden a reducirnos a un clixé, porque quizá foi o que funcionou...

-¿Que ve en Gloria?

-Un exemplo como muller, poeta e periodista. As súas eran como... noticias poéticas. A min impresionoume moito nos 80 ver a unha muller recitar versos en televisión. Recordo vela na tele. Para min era un referente, un referente de poesía oral, cando na casa non había máis acceso á poesía. Gloria amosa a importancia de conectar co lector. Fala das cousas cotiás, e chega á xente. Inflúe tamén a súa conexión coa música. Ler a Gloria Fuertes é como xogar con ela.

-¿Limitouna a súa condición de muller, escritora directa, feminista, crúa e amante das mulleres?

-Si, porque daquela, e aínda ás veces agora, as mulleres escritoras eran vistas como sospeitosas. Sospeitosas de antimulleres. Que escribise unha muller non estaba ben visto, non era «propio» dela.

-¿Persiste esa ollada?

-Agora unha muller escritora ten prestixio na sociedade.

-Na miña casa aínda vive o «Dragón tragón» que me regalaron de nena. ¿Que Gloria habita na súa?

-¡Viva el mundo al revés! Compreino eu para min. Quixen volver á poesía para nenos… non sendo eu xa nena.

-¿Séntese próxima á súa poesía?

-Cando escribo tamén preciso sentir á outra persoa, ao lector, porque entendo a poesía como un diálogo, non como un discurso solitario.